COMUNICADO DE ANPAS GALEGAS. FOLGA DOCENTE DO 16 E 17 DE DECEMBRO
ANPAS Galegas quere trasladar publicamente o seu apoio ás mobilizacións e ás xornadas de
folga convocadas pola CIG-Ensino os días 16 e 17 de decembro, nun momento no que a
situación do ensino público galego atravesa unha das etapas máis críticas das últimas
décadas.
Como entidade que representa ás familias, preocúpanos profundamente o deterioro
continuado dos recursos humanos e materiais nos centros educativos, unha realidade
que afecta de maneira directa ao noso alumnado:
- Grupos masificados.
- Atención á diversidade insuficiente.
- Falta de especialistas.
- Redución dos servizos e perda de calidade educativa.
Por iso consideramos xusta e necesaria calquera mobilización que visibilice esta situación e
que reivindique un ensino público digno, seguro e de calidade para todas as crianzas
galegas, independentemente da súa realidade social, económica ou territorial.
Neste sentido, apoiamos as accións previstas para o día 16 (marchas fúnebres entre centros
que simbolizan o loito polo deterioro do ensino) así como a manifestación convocada en
Compostela o día 17, coincidindo coa aprobación dos Orzamentos da Xunta.
Sabemos que o conflito é laboral, mais as súas consecuencias son plenamente
educativas, polo que tamén queremos recoñecer que moitas das demandas do
profesorado son imprescindíbeis para mellorar a experiencia e a aprendizaxe do noso
alumnado. Entre elas salientamos:
- A necesidade dunha baixada real das ratios.
- O incremento de profesorado e persoal especialista.
- Máis profesionais de orientación.
- Medidas para reducir a burocracia que resta tempo á atención educativa.
- Unha FP pública forte e ben dotada.
- Unha política lingüística que garanta o prestixio e a transmisión da lingua galega,
tamén no ámbito escolar.
Aínda tratándose de reivindicacións laborais, todas elas traducen unha mesma idea: un
ensino con máis recursos é un ensino mellor para as nosas fillas e fillos. Nese camiño
estaremos sempre.
Chamamos ás ANPAS e ás familias a apoiar, dentro das súas posibilidades, as accións
previstas e a continuar mobilizándose (como veñen facendo desde o inicio de curso) por un
modelo educativo público que responda aos dereitos e necesidades das crianzas e da
sociedade galega.
Porque o ensino público non pode seguir en loito, mais tampouco pode resignarse.
Desde ANPAS Galegas reafirmamos o noso compromiso coa defensa dun sistema educativo
público, universal, inclusivo e de calidade.












