23 de febreiro: Día de Rosalía. Celebramos a voz libre das mulleres.
Cada 23 de febreiro Galicia enteira honra a Rosalía de Castro, muller e poetisa que fixo da palabra un instrumento de rebeldía e esperanza. Rosalía ergueu a voz cando as mulleres apenas podían facelo, e desde a súa escrita denunciou as inxustizas, a pobreza, a emigración e, sobre todo, a desigualdade que asfixiaba a tantas galegas no seu tempo.
A súa ollada fonda e solidaria fixo visíbel o mundo das mulleres: traballadoras, nais, emigrantes, labregas… Mulleres fortes, silenciadas, que en Rosalía atoparon comprensión e dignidade.
ANPAS GALEGAS celebra o Día de Rosalía como unha xornada para lembrar o poder transformador da palabra e o compromiso das mulleres que educan, que acompañan, que coidan e que seguen loitando por un presente e un futuro máis xusto e igualitario.
Co exemplo de Rosalía, ensinamos que educar en galego e en igualdade é sementar liberdade. Queremos escolas onde nenas e nenos medren sabendo que a lingua é identidade, e o feminismo, xustiza.
Que este 23 de febreiro sirva para lembrar que Rosalía non só escribiu versos: abriu camiños de emancipación. Honrámola facéndonos responsabeis da súa herdanza e mantendo viva a súa palabra rebelde e feminina cada día.












