Por unha inclusión real no ensino galego
O ensino público galego está a vivir unha situación que non pode seguir sendo normalizada. As familias vemos, día tras día, como a falta de recursos condiciona a atención ao alumnado, especialmente a aquel que máis apoio precisa. Falamos de rateos excesivas que impiden unha atención individualizada real; falamos de falta de orientadoras/es, profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL); falamos de persoal coidador insuficiente para garantir a atención á autonomía persoal; falamos de programas que desaparecen sen alternativas estables; falamos dunha Formación Profesional Básica que non pode converterse nun espazo ao que se deriva alumnado sen os recursos especializados necesarios.
A inclusión non pode ser unha palabra bonita nos documentos oficiais mentres nos centros faltan profesionais. Non pode ser unha declaración de intencións mentres as familias temos que mobilizarnos cada curso para reclamar o básico. Sen planificación estrutural, sen financiamento suficiente e sen estabilidade nos cadros de persoal, o dereito á educación en igualdade queda debilitado, e quen máis sofre esta situación é o alumnado máis vulnerable.
Reclamamos unha baixada real e inmediata das rateos en todas as etapas educativas. Reclamamos que o alumnado con necesidades específicas compute de maneira diferenciada á hora de establecer os grupos. Reclamamos a cobertura inmediata das baixas do persoal especializado e unha dotación estable de orientadoras/es, PT, AL e persoal coidador. Reclamamos que a FP Básica conte cos recursos humanos necesarios para ofrecer unha atención educativa digna, individualizada e inclusiva. Reclamamos equipos especializados en saúde mental que apoien aos centros ante o aumento de situacións de especial vulnerabilidade.
Non estamos pedindo privilexios. Estamos esixindo dereitos. Estamos defendendo un modelo de escola pública que garanta equidade real, oportunidades reais e inclusión real.
A situación non é puntual nin anecdótica. É estrutural. E por iso a resposta debe ser colectiva. Cada familia conta. Cada voz suma. Cada presenza é unha mensaxe clara ás administracións: o ensino público non se recorta, non se debilita e non se abandona.
Por todos estes motivos, ANPAS GALEGAS, a través da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, convoca ás familias de toda Galicia a sumarse á manifestación que terá lugar o vindeiro 28 de febreiro ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela.
Facemos un chamamento claro e decidido á participación masiva de nais, pais, titores/as legais e de toda a comunidade educativa. É o momento de estar, de visibilizar o malestar e de esixir compromisos firmes. É o momento de dicir alto e claro que:
– Sen recursos non hai inclusión.
– Sen profesionais suficientes non hai igualdade.
– Sen investimento real non hai ensino público de calidade.
Defender o ensino público é defender o futuro das nosas crianzas e o futuro de Galicia.
Agora é o momento de mobilizarse.












