Manifesto Manifestación 28 de Febreiro
Dende a Plataforma galega pola defensa do ensino público convocámosvos a todas e a todos porque necesitamos ser escoitados, a comunidade educativa ten que ser escoitada.
Non se entende, non entendemos como se pode falar de que temos o ensino máis inclusivo do estado cando parte do alumnado galego, o máis vulnerable, está desprotexido. Non se respecta o seu dereito a un ensino de calidade, non se respecta o seu dereito a formar parte da súa sociedade en igualdade de condicións, porque esa igualdade constrúese sobre todo desde a escola.
Estamos fartas de palabras baleiras, de promesas incumpridas e de ter que removerceo e terra para conseguir algo que é un dereito, fartas de que non escoiten, de escusas absurdas.
E estamos moi fartas de que se fale de inclusión cando non hai tal, cando vemos como se priva ás nosas fillas e fillos dos apoios, reforzos e desdobres necesarios para súa formación.
Pero non falamos só destas nenas e destes rapaces que precisan un especialista en atención educativa ou un apoio. Falamos de todo o alumnado do ensino público, do presente e futuro do país. Porque cando non se atende ao alumnado que o precisa, as súas compañeiras e compañeiros tamén saen prexudicados, e non van interiorizar
a inclusión porque non a ven e se non a ven non van promover unha sociedade mellor e aí perdemos todas e todos.
Ningún neno e ningunha moza deste país pode quedar atrás porque as políticas educativas que teñen a responsabilidade de garantir os seus dereitos, de protexelas, non están funcionando e non traballan pensando nelas.
Esquecemos con demasiada facilidade cal é a cerna de todo o sistema educativo, da comunidade educativa. Non son os cartos, nin os votos, é o alumnado e todo, absolutamente todo, ten que xirar ao seu redor.
O apoio educativo que demandamos é necesario para o seu progreso na aprendizaxe, para que sexan parte indispensable da aula, para que esa aula funcione con normalidade, e para que sexan e se sintan exactamente iguas co resto de compañeiras e compañeiros.
Para que todo o alumnado e toda a sociedade entendan que non poden existir diferenzas entre eles é necesario que non quede ninguén atrás e que os dereitos hai que defendelos dentro da aula, nas extraescolares, no deporte, no ocio e na rúa.
Ten que ser así para acadar unha sociedade igualitaria, xusta, solidaria e implicadana defensa dos dereitos colectivos.
Hoxe marchamos unidas familias, profesorado e estudantado. Temos obxectivos comúns e causas compartidas. O profesorado este curso está demandando a baixada de ratios en todas as etapas e ensinanzas; máis especialistas de PT, AL; Orientación e persoal auxiliar coidador; menos burocracia e máis humanización do ensino e máis tempo para preparar as clases, facer proxectos educativos ou organizar actividades complementarias. As familias defendemos un ensino público sen recortes e pedimos máis medios humanos e infraestruturas dignas. O alumnado demanda maior oferta pública, sen discriminación polo seu estrato social e económico ou polo seu lugar de residencia. Esta unidade é a que nos dá a forza, a que nos permite avanzar e debemos mantela ata conseguir melloras reais.
Por todo isto, esiximos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que escoite á comunidade educativa, que escoite a familias, docentes e alumnado e que mude o rumbo actual. Temos dereito a un ensino público inclusivo e que asegure a calidade que as nosas crianzas e a nosa rapazada necesitan.












