ANPAS GALEGAS amosa a súa satisfacción pola admisión a trámite da súa queixa pola figura do coordinador/a de benestar e convivencia.
A Confederación ANPAS GALEGAS manifesta a súa satisfacción tras recibir a comunicación da Valedora do Pobo na que se informa da admisión a trámite da queixa presentada pola entidade en relación coa implantación da figura de Coordinador/a de Benestar e Convivencia nos centros educativos galegos.
Segundo a notificación recibida, a institución considera que a queixa cumpre cos requisitos formais e que presenta, en principio, cobertura constitucional, polo que xa se iniciaron actuacións ante a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, á que se lle requiriu información sobre os feitos denunciados .
ANPAS GALEGAS lembra que leva máis dun curso escolar solicitando explicacións á Consellería sen obter resposta, tanto sobre a creación desta figura como sobre o seu funcionamento real nos centros educativos . ANPAS GALEGAS amosou reiteradamente a súa preocupación por considerar que a introdución deste novo cargo pode supoñer unha perda de peso da participación das familias e dos órganos colexiados, especialmente do Consello Escolar e da Comisión de Convivencia.
Entre as cuestións expostas na queixa destacan a falta de transparencia na designación da persoa coordinadora, que é nomeada directamente pola dirección do centro; a ausencia de mecanismos claros de rendición de contas ante a comunidade educativa; e a indefinición do encaixe desta figura co funcionamento da Comisión de Convivencia .
Ademais, ANPAS GALEGAS denuncia que, na práctica, esta figura non está a ter unha implantación real nos centros, xa que en moitos casos existe só sobre o papel, sen información pública sobre quen exerce a función nin sobre o seu traballo efectivo .
A Confederación valora positivamente que a Valedora do Pobo decidise iniciar actuacións e agarda que este proceso permita esclarecer a situación, garantir a transparencia e asegurar o respecto aos principios de participación democrática da comunidade educativa.
ANPAS GALEGAS continuará defendendo un modelo de convivencia escolar baseado na implicación real de todos os sectores da comunidade educativa, especialmente das familias, e reclama que calquera cambio normativo se faga con diálogo, consenso e garantías democráticas.












