Resposta da Consellería sobre o coordinador de benestar
Anpas Galegas, nun escrito enviado o 5 de marzo de 2026, solicitou información sobre como se está a artellar a convivencia entre a Comisión de convivencia e a nova figura de coordinación de benestar e convivencia nos centros educativos, manifestando a nosa dúbida sobre a posibilidade dunha relación equilibrada cando esta última é designada pola dirección sen participación da comunidade educativa.
Así mesmo, pedimos aclaración sobre a compatibilidade desta situación co establecido na Lei 4/2011 de convivencia e participación da comunidade educativa, en relación co principio de participación de todos os membros da comunidade educativa na elaboración, desenvolvemento e avaliación do plan de convivencia.
Finalmente, a confederación sinalou que, aínda que a existencia desta figura pode resultar positiva, non considera axeitados nin o seu procedemento de elección nin o funcionamento previsto, defendendo que a Comisión de convivencia debe ser o principal órgano de referencia nesta materia.
Agora, como resposta, recibimos o seguinte texto, no cal non podemos dar resposta a ningún dos nosos plantexamentos:
“En relación co escrito presentado pola presidenta de ANPAS Galegas, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional informa do seguinte:
A figura da coordinación de benestar e convivencia incorpórase ao sistema educativo galego en cumprimento da Lei orgánica 8/2021, desenvolvida mediante a Orde do 23 de agosto de 2023. Esta nova coordinación intégrase na organización dos centros educativos, substituíndo a anterior dinamización de convivencia e mantendo a coherencia coa normativa galega vixente en materia de convivencia.
No marco normativo actual, o consello escolar establece as directrices e avalía o plan de convivencia; a comisión de convivencia, como órgano dependente deste, elabora o dito plan e promove actuacións; e o equipo directivo garante a súa coordinación e execución.
A persoa coordinadora de benestar e convivencia, designada pola dirección entre o profesorado do centro, ten como función principal coordinar o plan de convivencia en colaboración cos distintos órganos da comunidade educativa, así como promover o benestar e a protección do alumnado. O seu labor concrétase nun plan de traballo integrado no propio plan de convivencia.
Esta figura non substitúe á comisión de convivencia, senón que a complementa, actuando de maneira coordinada e transversal co resto dos órganos do centro.
En consecuencia, reafírmase que a organización e distribución de funcións responde ao marco normativo vixente, baseado na colaboración entre os distintos órganos, co obxectivo de garantir un clima escolar adecuado e o benestar do alumnado.”












