2 de maio. Día contra o acoso escolar.
O acoso escolar é unha realidade que existe nos centros educativos e que ten consecuencias directas no benestar, na saúde especialmente na mental e no dereito das crianzas a unha educación segura. Non se trata de feitos illados, senón de situacións que poden prolongarse no tempo e afectar de maneira profunda a quen as sofre, así como ao conxunto da comunidade educativa.
O Día contra o acoso escolar debe servir para visibilizar esta problemática, pero tamén para lembrar que a súa prevención e abordaxe require un compromiso continuo. En realidade, todos os días deben ser o día contra o acoso escolar. Non abonda con actuacións puntuais: é necesario integrar a convivencia, o respecto e a igualdade como eixos centrais do día a día nos centros educativos.
Dende ANPAS GALEGAS defendemos que a escola pública debe ser un espazo seguro para todas as crianzas. Garantir isto implica actuar en varios niveis. Por unha banda, é imprescindible que os protocolos sexan efectivos para detectar e intervir ante situacións de acoso e que se activen sempre que sexa preciso, sen demoras. Neste sentido, o papel do profesorado, e especialmente das titoras e titores, é fundamental, xa que son quen teñen a responsabilidade directa de activar estes mecanismos. É necesario reforzar este compromiso e asegurar unha actuación decidida, rigorosa e sen dilacións ante calquera indicio.
Por outra banda, é fundamental que exista formación específica que permita identificar estas dinámicas e actuar con criterio. A prevención xoga un papel clave: crear contornos baseados no respecto, na empatía e na inclusión é a mellor ferramenta para evitar que o acoso apareza. Isto require traballar as relacións, educar en valores e prestar atención ao clima de convivencia nos centros.
As familias tamén teñen un papel esencial. A comunicación coas crianzas, a capacidade de escoitar e a implicación na vida do centro son elementos fundamentais para detectar e afrontar posibles situacións. As ANPAS, como espazos de participación, deben contribuír a reforzar esta tarefa, a formar e informar as socias e a esixir os recursos necesarios, garantindo que se cumpran as premisas dos protocolos e que se actúe con responsabilidade co fin de erradicar o acoso escolar das nosas aulas.
Non podemos esquecer que o acoso afecta a todo o grupo, non só a quen o sofre. Por iso, a resposta debe ser colectiva e centrada no benestar do alumnado. A escola pública non pode permitir situacións de violencia nin de silencio ante elas.
Garantir unha convivencia real e efectiva é unha responsabilidade compartida. As nosas fillas e fillos teñen dereito a medrar nun entorno seguro, e ese dereito debe ser defendido cada día.












