ANPAS GALEGAS RECLAMA Á XUNTA QUE GARANTA O TRANSPORTE ESCOLAR COMO SERVIZO PÚBLICO E NON O SUBSTITÚA POR AXUDAS ÁS FAMILIAS
Dende ANPAS GALEGAS vemos con preocupación e estupefacción a deriva que o sistema educativo público de Galicia está a coller ante a nova neste caso, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte na Orde do 17 de setembro pola que se establecen as bases para a concesión das compensacións de gastos do transporte escolar, de carácter individual, para alumnado con dereito a transporte escolar que non poida facer uso dos servizos de transporte escolar contratados pola Xunta de Galicia.
Semella que neste país todo vale, pois non é así, a Lei orgánica 2/2006 do 3 de maio recoñece que as administracións educativas prestarán de forma gratuíta, entre outros servizos, o do transporte.
Estamos falando de ensino obrigatorio e estamos falando dun dereito de todo o alumnado galego en idade escolar. Todo o demais que se intenta xustificar nesta Orde do 17 de setembro son xustificacións baldías e lembremos que unha Orde non está por enriba dunha Lei.
As características do asentamento de poboación no territorio galego non son novas precisamente, incluso son anteriores á Constitución de 1978 onde se recoñece o dereito á educación e onde se recolle tamén que é obrigatoria é gratuíta; tamén son anteriores a esa Lei orgánica do 3 de maio do 2006. De tolos.
Así que non intentemos solucionar un problema que realmente fai moito tempo que tiña que estar resolto polo goberno da Xunta de Galicia e que non é nin do alumnado nin das súas familias, é un problema que vostedes crearon e que vostedes teñen que resolver para garantir todos eses dereitos recoñecidos nas leis.
A inexistencia de transporte escolar nalgunhas zonas resólvese creando as liñas necesarias para o alumnado que habita nesas zonas, a adecuación desas vías seguro que é posible de solucionar entre as diferentes administracións que teñen competencia ou, se non, será posible adecuar os vehículos ao tipo de vías polo que teñen que circular (seguro que isto non leva á quebra a ningunha empresa de transporte), e tampouco vivimos no alto do Himalaia, xa temos pistas asfaltadas en todo o rural galego.
Os horarios do servizo non os marca a demanda do resto de poboación, os marca o horario do colexio (cando non a empresa concesionaria do transporte) e o resto de poboación se adapta a él porque a prioridade é o transporte escolar e os vehículos adaptados igual son os que a normativa lles exixe, seguro que non falamos dun capricho das familias.
Por suposto, este xeito de resolver toda a súa incapacidade de xestión tirando de cartos que non deixan de ser esmolas, é patético e tende perigosamente á privatización do ensino público
Que vai ser o seguinte? Sacamos unha liña de axudas para que o alumnado transportado que ten dereito ao comedor escolar para que merquen un bocadillo? como sae caro manter este servizo educativo… e tanta dispersión xeográfica…
Ou cando a nai ou o pai non poidan levar as súas fillas e fillos ao colexio por 0,26 euros o km, porque vostedes foron incapaces de garantir o transporte escolar ao que lles obrigan as leis, porque teñen que traballar, como van facer? Esas faltas están xustificadas? Como recuperan ese tempo de formación? Ou mellor aínda, como concilian esas familias ou onde quedan as nenas e os nenos que tiñan que estar no colexio? Veña.
Non todo se amaña con cartos, vostedes están aí para gobernar e gobernar é xestionar o que é de todas e de todos os galegos e é garantir que se cumpren as leis e os dereitos que son a base do Estado de benestar e de paso a ver se empezamos a apostar polo ensino público e deixamos de mandar moreas de cartos ao ensino concertado que cada vez ten menos razón de ser.












