ANPAS GALEGAS rexeita que o acordo entre PP e PsdeG manteña o galego limitado ao 50 % do ensino
A Confederación ANPAS GALEGAS considera claramente insuficiente o acordo acadado entre o PP, partido que sustenta o Goberno da Xunta, e o PsdeG para a actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, especialmente no relativo ao ensino.
A nosa posición é coñecida: defendemos un ensino público 100 % en galego, agás nas materias de linguas estranxeiras. Que desapareza a prohibición de impartir en galego materias como Matemáticas, Tecnoloxía ou Física e Química era necesario, porque esa limitación nunca debería ter existido, pero o acordo queda moi lonxe do cambio que precisa a situación actual da lingua. Ademais, permitir que estas materias se impartan en galego non aumenta a súa presenza no ensino: para manter o 50 % establecido, outras terán que pasar ao castelán. Cambian as materias, pero a presenza global do galego queda exactamente no mesmo sitio, sometida a unha idea de “equilibrio” que ignora que ambas as linguas parten de situacións sociais moi diferentes.
Falar de equilibrio entre galego e castelán é obviar a realidade na que vive o alumnado. O castelán ten unha presenza amplamente maioritaria no audiovisual, nas redes, no lecer, no comercio, nas novas tecnoloxías e en boa parte das relacións sociais. Para moitos nenos e nenas, a escola é un dos poucos espazos nos que poden manter un contacto continuado co galego. Os datos sobre o seu uso entre a infancia e a mocidade amosan, ademais, unha perda preocupante e dificultades cada vez maiores na transmisión da lingua ás novas xeracións. Ante esta realidade, establecer dentro dos centros unha repartición matemática entre dúas linguas que non teñen o mesmo peso social dificilmente pode contribuír a mudar a situación. O sistema educativo debería ser unha parte fundamental da resposta, non limitarse a reproducir dentro das aulas o desequilibrio que xa existe fóra delas.
Dende ANPAS GALEGAS consideramos que é un despropósito que sexan os propios centros os que decidan que bloques de materias se imparten nunha ou noutra lingua. A política lingüística educativa non debería depender da dirección, do claustro ou do profesorado que lle corresponda a cada alumno ou alumna. A norma ten que ser clara e común para toda Galicia, porque os dereitos lingüísticos non poden variar dun centro a outro.
O alumnado debe rematar a súa escolarización cun dominio pleno do galego, do castelán e das linguas estranxeiras que formen parte da súa formación. Para conseguilo non abonda con repartir horas. Hai que ter en conta cal é a situación real de cada lingua e garantir no ámbito educativo o espazo que o galego está perdendo noutros ámbitos da vida cotiá.
A posición do PP neste acordo non nos sorprende, tendo en conta a política lingüística que vén aplicando durante os seus anos á fronte da Xunta e as limitacións impostas á presenza do galego no ensino. Si nos decepciona profundamente a posición do PsdeG. Agardabamos que unha forza que se presenta como alternativa ás políticas lingüísticas do actual Goberno defendese un cambio de rumbo e apostase por un ensino plenamente en galego como unha das ferramentas fundamentais para frear a perda de falantes. Acordar co PP manter o 50 % supón, na práctica, aceptar como punto de partida o mesmo límite que levamos anos cuestionando.
O debate non debería reducirse a decidir en que materias se pode utilizar o galego mantendo intacta a mesma porcentaxe. O que está en xogo é que as novas xeracións o coñezan, o empreguen con normalidade e poidan vivir nel.
O ensino é unha das ferramentas máis importantes que temos para conseguilo. Limitar o galego á metade das aulas é renunciar a utilizala plenamente.Precisamos un compromiso real e unha aposta valente de todas as forzas políticas en defensa e promoción da nosa lingua porque sería a única vía posible para reverter a situación actual.












