PISA 2025: se investimos máis ca nunca, temos que preguntarnos por que os resultados empeoran
Desde ANPAS GALEGAS recibimos con preocupación os resultados do informe PISA 2025. Non pretendemos facer unha lectura catastrofista nin converter PISA na medida da calidade do ensino. Unha caída desta magnitude debe servir para analizar que está acontecendo no sistema educativo galego, pero tamén tendo claro que PISA só nos ofrece unha parte da realidade. Avalía determinadas competencias en lectura, matemáticas e ciencias, mentres quedan fóra moitos outros aspectos fundamentais da formación do alumnado. Os seus resultados son, polo tanto, unha información importante para analizar o sistema e detectar problemas, pero non poden converterse nun selo que determine por si só a excelencia dun modelo educativo. A educación é moito máis ampla que aquilo que pode recoller unha proba internacional.
A Consellería destaca que “Galicia mantense entre as comunidades con mellores resultados globais”, pero para ANPAS GALEGAS o problema non é o posto que ocupamos, senón a dirección na que avanzamos. Se todas as comunidades baixan e Galicia baixa menos, Galicia segue baixando. E isto resulta especialmente preocupante cando a propia Xunta afirma que nunca se investiu tanto en educación.
A Administración presenta para 2026 o maior orzamento da historia da Consellería e reivindica máis profesorado e unha mellora progresiva das rateos. Se aceptamos esa realidade cabe preguntarse por que ese incremento de recursos non está conseguindo frear o deterioro dos resultados. Investir máis é necesario, pero non garante por si só unha mellora das aprendizaxes. O propio PISA sinala que importan os recursos dispoñibles, pero tamén como se distribúen, como se organizan e como se utilizan. E é aí onde consideramos que debe centrarse unha parte importante da análise.
PISA é unha fotografía dun momento concreto, pero os seus resultados son consecuencia de moitos anos de escolarización. Por iso, relacionar o que vemos hoxe só co investimento deste curso ou dos últimos anos, aínda que agora se fale de orzamentos históricos, é un erro, xa que tamén hai que mirar atrás e analizar con que recursos contaron os centros durante todo o percorrido educativo deste alumnado.
Ademais, estamos falando de competencias básicas como a lectura, as matemáticas ou as ciencias, que se traballan desde os primeiros anos de escolarización. Se aos quince anos aparecen dificultades nestas áreas, temos que mirar tamén cara á Primaria. Se as bases non quedan ben asentadas, haberá que analizar se os centros contan cos recursos, o profesorado e os apoios necesarios para detectar e atender as dificultades cando aparecen, e non cando o alumnado leva xa anos arrastrándoas.
Desde ANPAS GALEGAS levamos anos advertindo das carencias de profesorado e persoal de apoio que se producen en numerosos centros, da necesidade de máis PT, AL, orientación e persoal coidador, da perda de unidades no ensino público e das dificultades para responder adecuadamente á diversidade. Por iso, máis alá das cifras globais, queremos saber se ese incremento do investimento está chegando onde realmente se necesita e se responde á realidade das aulas.
No caso de Galicia, a Xunta ten competencias fundamentais na planificación dos centros, na distribución do profesorado, nos desdobres, na atención á diversidade, na orientación, na dotación de PT e AL, na formación docente, nos programas educativos e na organización dos recursos. Son precisamente estas políticas as que tamén debemos avaliar para saber que está funcionando e que debe cambiar.
PISA describe unha realidade na que conflúen múltiples factores: unha maior necesidade de apoio ao alumnado, problemas de disciplina, diminución da atención, cambios nos hábitos de lectura, unha vida cada vez máis dixital, aulas máis diversas, os efectos da pandemia e dificultades na gobernanza educativa. Non existe, polo tanto, unha única explicación para o descenso.
Por iso tampouco sería xusto converter o alumnado no responsable do problema. Resulta demasiado fácil dicir que as rapazas e rapaces non len, non se esforzan ou están permanentemente diante dunha pantalla. Se existen problemas de atención, motivación ou concentración, debemos analizalos, pero tamén debemos preguntarnos que responsabilidade ten o propio sistema educativo.
As crianzas non decidiron dixitalizar masivamente a educación nin introducir os dispositivos dixitais como ferramentas habituais de aprendizaxe. Non deseñaron os currículos, as metodoloxías nin as políticas educativas. Se determinados usos da tecnoloxía están afectando á concentración ou á lectura profunda, teremos que avaliar tamén o modelo de dixitalización, os criterios pedagóxicos cos que se implantou e os resultados que está producindo. A tecnoloxía, por si mesma, non é innovación educativa.
Levamos anos vendo sucederse reformas, programas, plans, proxectos, cambios metodolóxicos, procesos de dixitalización e incrementos orzamentarios. Se agora os resultados empeoran, necesitamos avaliar o impacto real de todas estas políticas: o modelo de dixitalización, as rateos e a distribución do profesorado, a atención á diversidade, os recursos dispoñibles nos centros ou o que está acontecendo coa comprensión lectora. E, sobre todo, necesitamos saber que relación existe entre o investimento realizado e os resultados obtidos.
Non queremos que PISA se converta nunha arma política nin nunha competición para comprobar que comunidade ou que país ocupa un posto máis alto. Queremos que sirva para detectar problemas, analizar as súas causas e comprobar que políticas funcionan e cales deben cambiar. Para ANPAS GALEGAS, a calidade dun sistema educativo tamén se mide pola súa capacidade para incluír, compensar desigualdades, atender á diversidade e garantir que todo o alumnado poida aprender e participar. Iso é o que realmente nos interesa avaliar: se estamos garantindo unha educación integral e de calidade para todas e todos, sen deixar ninguén atrás.
Dende ANPAS GALEGAS reclamamos unha avaliación seria, pública e transparente do sistema educativo galego, coa participación da comunidade educativa. Non se trata de buscar culpables, senón de atopar respostas.
Porque podemos investir máis e non estar investindo onde máis se necesita. Podemos ter máis profesorado en termos globais e seguir tendo centros nos que faltan recursos. Podemos estar por riba da media española e, ao mesmo tempo, estar empeorando.
Se realmente nunca se investiu tanto en educación, como afirma a Xunta, é o momento de avaliar que resultados está producindo ese investimento, onde está funcionando, onde non e que debemos cambiar.
E esa resposta non pode esperar ao seguinte informe PISA.












