ANTIFASCISMO NAS AULAS E ANTIFASCISMO NA CASA
No seu Diccionario do diaño (The Devil’s Dictionary, 1911), Ambrose Bierce definía o patriotismo como: «Lixo combustíbel listo para o facho de calquera ambicioso que desexe alumear o seu nome».1 Vivimos cunha sobreprodución de patriotas de pacotilla, auspiciada polo anonimato nas mal chamadas redes sociais, polo auxe de doutrinas sociais obsoletas, o abandono do pensamento racional e o apreixo do que xa se coñece como pornografía emocional. Para dicilo con Kant: a volta do ser humano á súa minoría de idade, da que só ela ou el é culpábel, por non atreverse a empregar o seu propio entendemento.
A era da información é a era da ignorancia2 (negacionistas do holocausto, negacionistas do cambio climático, as lendas rosas nas historias nacionais…), e dita ignorancia favorece relatos dun heroico pasado inexistente, que milleiros de persoas comparan cun presente asoballador, producindo mentiras que son tratadas como verdades alternativas, deixando toda cousa certa, verídica, probada, nun baleiro do que non hai saída clara.
Xa non basta con ter razón, ou con ter a razón, agora hai que gañar o relato. Nesta tesitura, todas perdemos, pois o relato nin sequera é un, sempre o mesmo, senón que varía segundo o interese de quen o conte e de para quen o conte, esvaendo a realidade.
Pola súa parte, a clase política e os seus logreiros están instalados nun realismo que xa definiu no seu momento Carlos Taibo: «o realismo é a boa conciencia dos fillos de puta», e que volve inútil calquera intento de cambio social, pois iso pon en perigo a sobrevivencia dos propios partidos e as súas asociacións satélites, regadas de fondos públicos para afogar calquera intento de cambio real.
Que facer? Actuar en tódolos eidos nos que a nosa voz aínda signifique algo. Nos centros escolares nos que as ANPAs aínda manteñan certo prestixio como ferramentas de loita; nas testas da xente que aínda teñan ouvidos para escoitar e ollos para mirar; nas nosas propias casas, coas nosas fillas e fillos, evitando que abracen as solucións fáciles a problemas complexos que ofertan por todas partes individuos e grupos con intencións antidemocráticas, xenófobas e ultraindividualistas.
Ser parte do que empurra un mañá digno e non do que arrastra un onte noxento cara o presente. Dicir non, como dicía Albert Camus que o dicía o home (e a muller!) rebelde, mais ter o si nos beizos desde o primeiro movemento: non á guerra, si a paz; non ao racismo, si á vida diversa; non á xenofobia, si ás persoas veñan de onde veñan…
Loitar contra a monetización da vida enteira: a intimidade e a privacidade son bens a recuperar, non fontes de riqueza. Os cartos son necesarios, mais claramente insuficientes para unha vida plena e ben desenvolvida. A vida é o pouco que nos queda despois do traballo, polo que todo intento de comprimila máis debería ser un delito de lesa humanidade.
Recuperar a vida; hai que recuperar o tempo de vida que o traballo nos rouba en beneficio doutros, hai que aprender a conxugar o verbo conciliar, que nunca significou que outra persoa adulta coidase das nosas crianzas mentres nós traballabamos, senón recuperar boa parte do tempo que o traballo nos rouba para adicarllo a quen trouxemos a este mundo sin pedirlle opinión.
Pensar, mirar, sentir en común. As persoas non somos illas, e quen pensa así vive illado, alleo, encadeado a unha mentira. Colaborar, cooperar, apoiarnos e obter o apoio doutras, coidarnos e ser coidadas, agruparnos, asociarnos, organizarnos con obxectivos que concirnan a todas.
Denunciar a neutralidade ideolóxica no ensino, que non é outra cousa que permitir só o que queira quen goberna, e censurar todo o que soe a crítica, a desobediencia, a rebeldía. Denunciar calquera intento de branquear a ditadura franquista e as arrepiantes actividades de nazis e fascistas no pasado e no presente.
A educación pública democrática ten que ser antifascista por definición, polo que non hai que agochar esta palabra nin dicila polo baixo: educación antifascista na escola e na casa, que vale como dicir feminista, inclusiva, integradora, baseada no respecto mutuo entre toda a comunidade educativa, sin afáns autoritarios. Todas xuntas cara un futuro sin bandeiras e sin fronteiras, nin físicas, nin psicolóxicas.
Xaime Acuña
Presidente da Feanpas e vicesecretario de ANPAS GALEGAS
1«Combustible rubbish ready to the torch of any one ambitious to illuminate his name»: https://www.thedevilsdictionary.com/p.html.
2Léase Ignorancia. Una historia global, de Peter Burke, e La sociedad del desconocimiento, de Daniel Innerarity.












