A Confederación ANPAS GALEGAS presentou alegacións ao Anteproxecto da Lei do Xogo de Galicia

– Defendemos unha Lei que teña por obxecto a necesidade da prevención e o coidado da poboación galega, nomeadamente da mocidade, considerando sempre negativas as prácticas de xogo, non simplemente unha norma de autorizacións administrativas, e queremos: 

– que nesa norma se habiliten todas as seguranzas para que ningunha persoa menor de idade poida utilizar os centros de xogo, e que o incumprimento desta prioridade traia sancións de elevada contía para os responsables dese control.

– que eses centros de xogo estean situados a non menos de 500 metros dos centros educativos, lugares de lecer, centros comerciais, espazos deportivos, e calquera outra lugar onde de acotío haxa presenza xuvenil maioritaria.

– que se prohiba toda a publicidade sobre o xogo, tanto en medios escritos como audiovisuais; e que a Xunta de Galicia defina a obriga de facer publicidade que alerte sobre as consecuencias negativos do xogo.

– que a aplicación da norma non teña excepcións, e que non se consoliden as instalacións existentes, senón que se vexan obrigadas a cumprir toda a normativa co mesmo rigor que as novas autorizacións, en especial no que se refire ás distancias cos centros educativos.

– Reclamamos a creación dun Observatorio Galego do Xogo, no que queremos estar representadas.

– Rexeitamos activamente o concepto que introduce o anteproxecto de “xogo responsable”; non existe xogo responsable e o seu simple enunciado está dando unha mensaxe positiva dunha práctica que non o é en absoluto.