As ANPAS son organizacións vinculadas a un centro educativo que nacen para vehicular a presenza dos pais e as nais na vida dese centro; tanto nos seus aspectos colaborativos, como nos críticos ou reivindicativos.
As ANPAS non son organizacións provedoras de servizos, malia que a situación actual así o reflicta en moitas ocasións, e non debe confundirse a cobertura de necesidades inaprazables, que levou e leva a moitas anpas á organización de servizos complementarios diante da inacción da Administración Pública, cos obxectivos reais destas organizacións, e coa súa rotunda intencionalidade de abandonar ese papel organizativo.
As ANPAS deben ser o lugar onde se artelle a participación das familias na vida dos centros, colaborando co profesorado e coa dirección dos mesmos, para a mellora da educación e da vida dos nosos fillos e fillas. E tamén debe ser un lugar de demanda permanente sobre a Administración Educativa, participando dun xeito directo e/ou representativo, segundo o ámbito da demanda, na denuncia de necesidades e na formación de alternativas e solucións.
Na participación representativa dunha ANPA é onde aparece a necesidade da creación de Federacións e Confederacións das mesmas.
Como cada problema ten un ámbito de repercusión e de solución, entendemos que as Federacións agrupadas segundo os espazos xeográficos naturais de convivencia son o límite racional da acción conxunta; algo que non pode vir marcado pola frialdade administrativa e claramente inoperante das divisións en concellos ou provincias; deste xeito, as Federacións serán máis grandes ou máis pequenas segundo a poboación se sinta identificada co grupo; máis en calquera caso, e independentemente do seu tamaño, constitúen o marco de referencia á hora de tratar os problemas cotiáns que afecten a máis dun centro educativo, e tamén o lugar de apoio do traballo individual de cadansúa ANPA.
Máis, coñecedores da existencia de problemas que nos afectan a todos, e de solucións que tamén pretenden afectarnos a todos, cremos imprescindible agruparnos nun órgano máis grande e amplificado.












