Cales son as nosas bases ideolóxicas?

Defendemos o ensino público, máis non calquera concepción del; para nós o ensino público non pode estar suxeito a calquera interpretación, nin pode deixar de definirse en consonancia coa contorna socio-económica; polo tanto, defendemos un ensino público:

  • Galego: tanto na lingua de expresión que debe ser vehicular en todas as materias, agás obviamente do ensino das diferentes linguas; como na fixación dos currículos. Os nosos nenos e nenas, mozos e mozas, teñen que aprender cal é a realidade social, cultural, económica, histórica, xeográfica e consuetudinaria na que naceron e na que van vivir. A nosa intención e obxectivo é que os nosos fillos e fillas permanezan na nosa Terra, coñecéndoa, entendéndoa e mellorándoa constantemente; e que o seu coñecemento da realidade se organice partindo do inmediato ao arredado, o que lles fará comprendela e comprendérense, no canto de o facer en senso inverso.
  • Único: rexeitamos totalmente a existencia de concertos co ensino privado; e entendemos como un horizonte desexable, e cara o que hai que traballar, a súa desaparición absoluta.
  • Laico: rexeitamos a presenza da relixión, calquera relixión, como parte do ensino; non só como materia curricular, senón mesmo como parte da oferta educativa; entendemos que a relixión pertence ao ámbito privado das familias, e que debe ser neste ámbito onde se oferte e se organice.
  • Descentralizado: o alumnado do cada un dos centros de ensino debe estar dentro dun ámbito xeográfico moi concreto. Rexeitamos as concentracións de alumnado multitransportado porque separa aos nenos e nenas da súa realidade social e disocia a vida ordinaria e cotián da vida escolar; por iso pedimos a zonificación permanente nos ámbitos urbanos, e que prime sobre calquera outro criterio o da proximidade ao centro de ensino. Pero tamén por iso, Esiximos que no ámbito rural se organicen os centros escolares independentemente de criterios económicos ou orzamentarios.

Debe existir un centro escolar alí onde existan nenos e/ou nenas que o utilicen. Iso implica, por suposto, a subordinación á existencia dun grupo mínimo que garanta a socialización e posibilite os aspectos grupais do ensino, pero tamén a asunción de perdas económicas, porque o mantemento do noso rural impón a necesidade da mantenza de infraestruturas deficitarias que permitan unha vida normalizada aos seus habitantes, presentes e futuros.

Nomeadamente queremos facer aquí unha defensa das escolas unitarias, verdadeiro piar do ensino de calidade galego; escolas que son constantemente desprezadas e ameazadas polo goberno galego actual (2025) , no canto de seren valoradas como un patrimonio inmaterial de imprescindible protección e fomento.

  • Conciliador: Nós demandamos que os horarios dos centros se abran a outras realidades que a puramente académica, para ampliar a educación das nosas nenas e nenos, para atender ás súas necesidades de socialización e saúde, coa incorporación de actividades deportivas e artísticas que están pouco e mal presentes no currículo oficial. E tamén, ocasionalmente, para favorecer o uso deses tempos non só polo seu valor intrínseco, senón tamén pola facilidade que representa para as familias galegas.

Mais non podemos deixar de dicir que iso non é conciliación da vida laboral e familiar, porque a conciliación non é a custodia das crianzas en tanto as súas nais e pais traballan, senón a organización, e mesmo a redución subvencionada, dos horarios laborais desas nais e pais para que poidan ser quen directamente atendan ás súas fillas e fillos.

  • Gratuíto: todo o ensino público e os seus servizos complementarios deben ser sufragados integramente con fondos públicos. Se o ensino é unha necesidade social, e a sociedade está organizada para sufragar, vía impositiva, o custo daquilo que consideramos necesario, non podemos facer que os usuarios dun servizo necesario teñan unha dobre taxa; por iso entendemos que todo cando arrodee o ensino ten que ser custeado pola Administración que o organiza.

E iso atinxe non só aos servizos docentes, senón aos materiais docentes necesarios, nomeadamente aos libros de texto, aos servizos complementarios necesarios, á cobertura extraescolar organizada, e a calquera outro custe que puidese xurdir. A única garantía de que todos os nenos e nenas van ser tratados dun xeito igualitario, coa seguranza necesaria, é a gratuidade absoluta dos servizos educativos.

  • Adaptado: a educación precisa dun rateo de alumnado que permita, por baixo, o tratamento agrupado dos alumnos e alumnas naqueles aspectos docentes nos que a existencia dun grupo sexa imprescindible; e, por riba, a atención individualizada ás necesidades persoais de cada alumno. Dende ese punto de vista, rexeitamos a actual valoración dos rateos por considerala excesiva para o profesorado e negativa para os nenos e nenas implicadas. Pensamos que deben reducirse ata cifras que garantan a atención correcta a todo o alumnado e considerando non só circunstancias obxectivas de reconto, senón valorando de xeito imparcial a circunstancia concreta do grupo que se trate como consecuencia da necesaria atención á súa diversidade  específica.
  • Inclusivo: A escola é un reflexo da sociedade e das circunstancias que nesta se dan: persoas en risco de exclusión social, persoas con discapacidade, interculturalidade , persoas con alta capacidade, etc. Os nosos nenos e nenas teñen características propias que os fan especiais e diferentes, pero sabemos que a diferenza é enriquecedora; e que unha mirada inclusiva da organización do Ensino Público fará que todos os nenos e nenas convivan e compartan as súas experiencias, inquedanzas, aprendizaxes e amizades.

A diferenza entre un problema e unha oportunidade é o tratamento correcto da inclusión. Por iso a nosa demanda non é unha visión romántica nin idealista: demandamos que se dote aos centros dos recursos necesarios para atender á diversidade e cubrir as necesidades de todo o alumnado, independentemente das súas capacidades e características. E obviamente esa demanda ten que materializarse en recursos humanos (profesorado específico, persoal de apoio),  materiais (centros accesíbeis, adaptados ás diferentes diversidades de comunicación, dotados coa tecnoloxía útil necesaria) e formativos (profesorado con ferramentas aprendidas para o tratamento correcto da diversidade, e con formación específica para a casuística coa que lle toque traballar en cada momento).

  • Claramente normativizado: demandamos que o ensino teña un ámbito de adscrición administrativa claramente identificable, eliminando a presenza da administración municipal no mantemento ou conservación dos centros de ensino de infantil e primaria, para que así o tratamento deses centros, en cando dotación, medios de conservación, ou investimentos, se trate dun xeito igualado no noso País, evitando as discriminacións actuais entre concellos con maior ou menor dispoñibilidade económica; máis tamén impedindo a indeterminación coa que se escusan as inaccións administrativas nos casos nos que a competencia entre Administracións non está claramente definida.
  • Profesional: rexeitamos a ocupación do persoal docente en cuestións que non sexan da súa estrita competencia, esiximos a presenza de persoal administrativo independente que, previa formación específica, sexa quen de se encargar deste tipo de traballo e de se relacionar coa consellería de educación nos múltiples aspectos administrativos que xorden da relación desta cos alumnos-as, familias ou mestres.

Así mesmo, esiximos a presenza, en tódolos centros educativos, de todo o persoal colaborador que se precise para que a vida cotiá do centro discorra dentro das canles da normalidade, de xeito que a atención ás necesidades especiais non poida modificar o ordinario funcionamento da actividade docente.

E entendemos que a presenza das familias na vida educativa non debe incluír en ningún momento a demanda da súa participación no que debe ser a actividade normalizada dun centro educativo.

  • Útil: o ensino público é a primeira entrada dunha persoa na sociedade que a rodea, é a súa carta de presentación en ámbalas dúas direccións. Como sociedade non podemos permitirnos o fracaso escolar, porque é o fracaso do grupo social; se non é posible incluír a un individuo-a dentro do ensino público, e máis se esa imposibilidade acada os límites que está acadando actualmente, estamos demostrando a nosa incapacidade, e así o fracaso escolar non é máis que o noso fracaso como sociedade, como grupo, como individuos.

Por iso, e porque sabemos que non hai nenos-as fracasados, senón sistemas inadaptados a eses nenos e nenas, sabemos tamén que o sistema educativo ten que poñer ao alcance deses nenos os medios abondos para que poidan incluírse na sociedade na que van vivir, por máis custosos que eses medios poidan parecer.

  • Economicamente  privilexiado: o ensino público é a base do futuro social, por iso ten que estar fóra das discusións orzamentarias e debe ter un tratamento específico en canto ao resto dos gastos que realice a Administración pública. Non hai ningún suposto nunha sociedade que se presume normalizada e moderna polo que se poidan adiar os gastos necesarios para o mantemento dun sistema educativo actualizado, moderno, absolutamente dotado de medios materiais e humanos e que forme aos seus usuarios no coñecemento do presente e os prepare para a súa integración no futuro.