Cales son os nosos obxectivos inmediatos?

Xunto coa anterior declaración de intencións, ou atencións, non esquecemos a realidade na que vivimos, e temos prioridades claras, que malia non nos facer rexeitar os nosos obxectivos futuros, precisan a nosa atención, e así:

  • Esiximos unha permanente presenza das familias dentro da vida dos centros educativos, tanto para a toma de decisións como no coñecemento das súas directrices de funcionamento.
  • Igualmente,  esiximos unha permanente presenza das familias na toma de decisións a nivel de Administración educativa.
  • Esiximos unha valoración inmediata das ratios de cada unidade educativa, na que se conte, a partir dun máximo obxectivo establecido, coas necesidades singulares desa unidade. Non nos serve o actual acordo de redución de ratios, por impreciso, lento na súa materialización e incorrecto na consideración da atención á diversidade.
  • Rexeitamos totalmente os recortes en educación que xa levan tempo desenvolvendo os sucesivos gobernos da Xunta de Galicia, nomeadamente naquilo que se refire ao número de docentes e/ou centros educativos.
  • Queremos comedores escolares universais, gratuítos e integramente xestionados pola Administración educativa.
  • Rexeitamos calquera normativa sobre a axuda ás familias para a adquisición de libros de texto que non pase pola gratuidade absoluta deste material, así como calquera de calquera outro material escolar,  e pola súa futura substitución por outros medios de aprendizaxe máis actualizados e así mesmo gratuítos.
  • Rexeitamos a normativa sobre transporte escolar, na consciencia de que este debe ser universalizado, reducidos os tempos medios de permanencia nos autobuses, e achegado fisicamente ao domicilio dos usuarios.
  • Esiximos urxentemente a elaboración dun auténtico mapa escolar galego, un modelo de organización xeográfica dos centros de ensino público que permita que se integren nunha contorna, que respondan á necesidade de atención e desenvolvemento desa zona, e que sexan base firme da organización social dos barrios urbanos, e das realidades rurais. Un modelo que permita tamén tirar a conclusión de por onde deben situarse os investimentos da consellaría en canto ao mantemento e incremento de centros escolares.

E, por suposto, dentro dese mapa escolar, solicitamos a potenciación das escolas unitarias, como base de aprendizaxe e coidado que debe ocupar todo o territorio galego.