Como queremos actuar?

A Confederación ANPAS GALEGAS non pretende ser un suxeito independente daquelas Federacións que a forman; a súa presenza non vai ser local, para iso xa está cada unha das súas socias, nin vai ter entre os seus obxectivos a solución de problemas concretos, cuestión tamén propia de cada asociada.

A Confederación crease para traballar no eido educativo dun xeito global, atenderemos á realidade galega, e pretendemos incidir nela no espazo da educación, estando presentes en todos aqueles foros de opinión, e en todos os órganos administrativos nos que se traballe nese espazo.

Esta declaración non implica gradación de intereses, nada relativo á educación é demasiado pequeno para nós, pero entendemos que a proximidade é un valor na solución dos problemas, e que debemos afrontar cada problema no seu ámbito máis axeitado.