A Confederación xorde en 2013, logo de varios anos de traballo en común entre as Federacións fundadoras, e xorde porque entendemos que é necesaria unha voz das familias galegas do Ensino Público -inexistente ata a nosa aparición- que trate e defenda os problemas galegos do estudantado e as súas familias fronte á administración educativa da Xunta de Galicia, que é quen ten as competencias en educación, por máis que pretenda constantemente non exercelas.
A experiencia de máis de dez anos de traballo, e a consolidación absoluta do proxecto inicial, fai que valoremos moi positivamente o traballo feito, e que enfrontemos o futuro con seguridade: é necesario que as ANPAS do noso país teñan unha voz galega, en galego, e con mirada exclusivamente galega, e ese é o noso traballo e a nosa dedicación.












