As persoas socias da ANPA teñen o dereito a acceder a calquera dos documentos da asociación, e entre estes documentos están as actas, tanto as da Asemblea Xeral como as da propia Xunta directiva.
A única razón para limitar parcialmente ese dereito está na obrigada reserva de información que establece a Lei de protección de datos; pero esa reserva non impide acceder á acta, tan só obriga a quen debe custodiala a ocultar os datos que deben ser protexidos.
A nosa recomendación é que nas actas nunca figuren ese tipo de datos, senón que se faga referencia a eles dun xeito irrecoñecíbel para terceiras persoas. (Ou sexa se hai un problema, poñamos, de mala praxe por parte dun docente, ou comportamento non axeitado dun pai ou nai, que se comente nunha asemblea, na acta é mellor que non figuren os datos particulares, senón unha referencia xenérica que abonde para comprender o caso; sempre que poida facerse, por suposto, sen comprometer a veracidade do que se falou ou se acorde).