Cada vez que a Asemblea Xeral escolle unha nova directiva, ou cada vez que hai unha modificación na directiva existente, que é o mesmo; e logo de que se nomeen os cargos correspondentes, o que pode ocorrer na mesma asemblea, ou logo dunha reunión da propia directiva, dependendo de quen fixen os estatutos que é competente para ese nomeamento, a secretaría da ANPA ten que facer un certificado de composición da directiva nova, na que figuren os datos das persoas que actualmente a compoñen, e tamén os datos das persoas que a compoñían anteriormente.
Nese certificado ten que constar: data do nomeamento, sinaturas das persoas titulares entrantes e reelixidas e, no seu caso, das saíntes (no caso das saíntes abonda con dicir que non poden asinar e porqué non poden facelo (porque non están xa vinculadas á vida ordinaria da asociación, por exemplo).
En moitas ocasións repítense moitos destes datos, porque as directivas non se renovan integramente sempre, e menos mal porque iso nunca é desexábel, pero igualmente hai que facer constar os datos de todas as “novas”, e tamén os de todas as “antigas”.
Con ese certificado feito e asinado dixitalmente por todas as persoas certificadas (se non teñen sinatura dixital o proceso é máis complexo); hai que iniciar un procedemento PR308A na sede electrónica da Xunta de Galicia, no que tamén se acompañará a autorización para a comprobación de datos de identidade das persoas da xunta directiva, este é modelo que está anexo ao procedemento electrónico; así como o xustificante de pagamento da taxa correspondente (a que ten o código 30.39.10)