A ANPA de cada centro escolar, ou a máis representativa no caso de existir varias, ten dereito a nomear a unha persoa representante no Consello Escolar, agás de que sexa un centro de menos de tres unidades.
O procedemento é o seguinte:
- A representación ordinaria da ANPA recae na persoa que ocupa a presidencia, polo que inicialmente ten que ser esta persoa quen participe no Consello Escolar.
- Se a Asemblea Xeral quere que sexa outra persoa quen participe deberá tomar esa decisión, e tamén poñer un límite temporal a esa representación, ou deixar constancia de que a representación non ten ese límite.
- Unha vez que se decida quen é a persoa representante, a secretaría da ANPA comunicará ao centro escolar cal é o seu nome e a fórmula de contacto preferente (un correo electrónico e un teléfono son imprescindíbeis).
- Dende que exista esa comunicación, automaticamente a persoa escolleita pola ANPA pasa a formar parte do Consello Escolar do centro.
Cando cesa ?:
- Se a ANPA non di o contrario, permanece no posto de representación en tanto continúe pertencendo á ANPA e manteña o carácter de representación outorgado.
- Se a ANPA decide modificar a representación, haberá unha nova comunicación á dirección do centro, notificando o cambio. A partir dese momento, prodúcese o cese e o nomeamento da nova persoa representante.
É posíbel que o centro escolar, por unha aplicación demasiado ríxida da normativa, solicite da ANPA o nomeamento de representante cada vez que hai eleccións ao Consello Escolar e este ten que constituírse novamente, igual que fará coa representación municipal. Pero iso non quere dicir que a representación teña data de caducidade, simplemente é un requisito formal ao que hai que responder dicindo, se é o caso, “continúa representando á ANPA no consello escolar Dª/D…”.
E cantas veces se pode cambiar a representación da ANPA ? Cumprindo os requisitos internos correspondentes, ou sexa escolléndoa en Asemblea Xeral, ou modificando a presidencia, a representación pódese cambiar tantas veces e tan a miúdo como se queira. Pero iso si, o cambio que se faga sempre é para sempre a partir de aí, non poden pretenderse cambios que encubran unha suplencia que non está permitida.