Se recibimos unha factura dunha persoa profesional que indique hai que reterlle unha contía en concepto de IRPF (un 7 ou un 15 % dependendo da súa situación, pero iso ten que indicárnolo en factura), nós temos que pagarlle a ese profesional unha parte da factura (o 93 ou o 85 % dependendo de cal sexa a retención, pero iso ten que vir na factura especificado), e ingresar na AEAT o importe retido.
Tamén pode ser necesario practicar retención a conta do IRPF se pagamos unha conferencia a unha persoa que sexa traballadora por conta allea, pero que ven a falar de algo que ten que ver co seu traballo (unha docente que ven falar do sistema educativo, por exemplo), neses casos non temos factura, así que faremos unha certificación de servizos, na que deixaremos ben claro quen é e porqué pagamos desa maneira, e farémoslle unha retención do 15 % do que lle paguemos. Esa retención ingresarase tamén na AEAT
Ese ingreso realizarase ao final de cada trimestre natural referido ás operacións realizadas durante eses tres meses, ou sexa nos primeiros 20 días dos meses de abril, xullo, outubro e xaneiro. Farase mediante a presentación dun modelo 111. (para o que hai que dispor de certificado dixital)
Asemade, no mes de xaneiro (neste momento, consultade sempre se cambiaron os prazos), haberá que presentar na AEAT o modelo 190, modelo no que indicaredes a quen se lle practicaron as retencións que fostes ingresando ao longo do ano anterior.