Transcribimos aquí a resposta que a Consellaría de Educación nos deu a esta mesma pregunta en escrito do 26 de abril de 2023:
“Non cabería o voto delegado, posto que a asistencia ás sesións do Consello Escolar é obrigatoria, como se desprende dos reais decretos seguintes: o RD 82/1996, 26 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria e o RD 83/1996 de 26 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, establece no artigo 19 que: “a asistencia ás sesións do Consello Escolar será obrigatoria para todos os seus membros”. Cuestión que non aparece nin no Decreto 324/1996 do 26 de xullo polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria nin no Decreto 374/1996, do 17 de outubro, polo que aproba o Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, pero que ante a falla de regulación, o disposto nos citados reais decretos é de aplicación supletoria.
Nós estamos de acordo coa resposta da consellaría e entendemos que non cabe o voto delegado, nin que sexa persoalmente comunicado á persoa que presida o consello escolar.
Outra cousa é que nunha organización que funcione baixo os principios da convivencia pacífica, se favoreza que, no caso de non poder asistir, si que se poida delegar en alguén a exposición da opinión da persoa non asistente, e que mesmo debera ser tida en conta para evitar confrontacións posteriores. Pero iso é o desexábel, non o obrigatorio.