En canto ás AFAs, a resposta non é tan rotunda. Se por AFA, como adoita ser o caso, entendemos só un cambio de nomenclatura, pero se manteñen as mesmas consideracións en canto ás persoas que poden socias, e continúan limitando ese dereito ás persoas que sexan nais, pais, titoras ou titores de alumnado de centro no que están traballando, entón non temos ningún problema, o que temos diante é unha ANPA que, por cuestión ideolóxica ou estética decidiu chamarse AFA, algo que non ten incidencia real.
Pero se ao cambiar a nomenclatura tamén se pretende incluír como socias a persoas diferentes do que establece a normativa, permitindo, por exemplo, o acceso de avós ou avoas, ou de parellas da nai ou do pai, ou se se fala de “familias” como socias da asociación, entón estamos diante dunha asociación que pode ser lexítima, pero que non é unha ANPA, e en consecuencia non pode federarse nunha Federación, nin tampouco formar parte dun Consello Escolar, ou representar institucionalmente ás familias do centro onde pretenda funcionar. De feito nin sequera estaría limitada a ese centro, porque como asociación diferente xa ten outra normativa distinta para aplicar.