Como podemos axudar?
Pregunta trampa. Hai que diferenciar:
- Se por cambiar a directiva entendemos cambiar a composición das persoas que a integran, entón non, calquera cambio na composición dunha directiva require autorización da Asemblea Xeral, mesmo no caso das dimisións, é imprescindíbel que estas sexan validadas pola Asemblea Xeral. Por máis que moita xente pense que “xa dimitiu”, esa dimisión non é totalmente efectiva a efectos de responsabilidade mentres non a aproba a Asemblea. A única excepción a este principio é que a persoa abandone a ANPA porque xa non teña fillas-os alumnas-os do centro escolar, nese caso deixa de ser socia, e tamén deixa de ser parte da directiva da asociación.
- Se por cambiar a directiva entendemos cambiar os cargos da mesma, entón poden darse tres posibilidades:
- Que a elección de cargos sexa unha atribución da Asemblea Xeral: neste caso ocorre como antes, ningún cambio é efectivo en tanto a Asemblea xeral non o aprobe.
- Que o nomeamento dos cargos sexa unha atribución interna da propia Xunta directiva. Neses casos a Asemblea Xeral escolle ás persoas que forman parte da directiva, e elas escollen logo quen vai ser a presidencia, secretaría, etc; e polo tanto, poderían facer cambios neses nomeamentos cando así o decidan por maioría os membros da directiva.
- Que haxa vacantes nos cargos como consecuencia de situacións obxectivas, abandono do colexio, falecemento, etc. Nese caso os membros restantes da directiva terán que nomear a alguén para o cargo, novamente dependendo de:
- Se a competencia da elección é da Asemblea, nomearán interinamente a alguén en tanto non se convoque.
- Se a competencia é da Xunta directiva, renovarán a adscrición de cargos segundo lles pareza convinte.