A presidencia da ANPA é quen personifica a responsabilidade da asociación, sobre todo cando a ANPA comete algunha irregularidade que dea lugar á imposición de sancións de tipo económico (as penais son sempre persoais de quen as cometa). (De aquí a absoluta necesidade de contar cun seguro de responsabilidade civil, que realmente a quen máis protexe é á propia ANPA e á súa presidencia).
O tema da responsabilidade é complexo, pero xenericamente hai que dicir que está nas mans da presidencia non permitir que a asociación participe en actos ilegais (refirámonos a unha contratación irregular, a non cumprir as obrigas formais de calquera tipo, a permitir accións discriminatorias ou difamatorias por parte da asociación, o que se vos ocorra); e como está nas súas mans, tamén pode ser declarada responsábel, a título persoal e co seu propio patrimonio, desas irregularidades.
Que ninguén pense que se a ANPA se equivoca, é a ANPA quen será a responsábel, non é así, as responsabilidades sempre son persoais.
Por suposto, como calquera persoa en calquera circunstancia, a condición de presidenta non lle libra nunca de responder dos seus actos privados, aínda que os realice no exercicio do seu cargo.