outra imposición de recortes: substitución de profesionais do ensino por bolseiros
O Ministerio de Educación anunciou hai uns días a contratación de 2000 persoas recentemente graduadas para realizar actividades de apoio ao ensino en centros de primaria con especiais dificultades. Optarán a estas bolsas aqueles estudantes cun alto expediente académico e con B2 en lingua estranxeira. Os seleccionados recibirán un curso previo de formación. O Ministerio investirá nesta iniciativa 22 millóns de euros (http://www.mecd.gob.es/prensa-mecd/actualidad/2015/02/20150216-egresados.html).
Dende a Confederación de Anpas Galegas, ante esta “iniciativa” dos máximos responsables do sistema educativo no Estado, queremos poñer de manifesto que:
- O exercicio da profesión docente na especialidade de Educación Primaria require dunha formación específica que neste país se adquire na actualidade a través do Grao de Mestre en Educación Primaria. Con esta medida, licenciados doutras titulacións desenvolverán a actividade propia desta profesión: a formación e educación básica dos nosos fillos e fillas.
Alguén pensaría en encomendar a un filólogo ou filóloga o deseño dunha ponte, ou a un matemático ou matemática o estudo duns restos arqueolóxicos? Deixalo en mans doutros graduados será substituír unha actividade tan complexa como educar ‑que debe estar sustentada nunha sólida formación pedagóxica e ser necesariamente reflexiva, innovadora, contextualizada, comprometida e dinámica‑ por unha tarefa mecánica, reprodutiva e centrada na transmisión de contidos con, probablemente, escaso valor educativo. Non hai receitas máxicas para ser mestre, non se pode aprender nun cursiño.
- Segundo informa o Ministerio, os rapaces e rapazas recentemente graduados atenderán ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE); é dicir, a aquel que precisa dunha atención educativa diferente á ordinaria por presentar dificultades específicas de aprendizaxe, TDAH, por terse incorporado tarde ao sistema educativo, ou por condicións persoais ou de historia escolar (LOMCE, art. 57). Estamos a falar, por exemplo, de nenos e nenas con déficits de atención, trastornos de desenvolvemento, dislexias, discalculias, problemáticas familiares complexas, alumnado estranxeiro chegado recentemente… Todos e todas eles requiren da atención de docentes especificamente preparados para o tratamento destas problemáticas e con capacidade para o diagnóstico e a intervención psicopedagóxica oportuna en cada caso. Por iso, os mestres especialistas en Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica son titulados en Pedagoxía, Psicopedagoxía, Audición e Linguaxe ou mestres coa especialidade de Educación Especial ou Pedagoxia Terapéutica (Real Decreto 1594/2011).
Estamos seguros de que ningún pai ou nai querería que o seu fillo ou filla fose atendido nun centro de saúde por un licenciado que non o fora en Medicina, por moi bo expediente académico que tivera ou por moito cursiño previo que realizara.
- A posibilidade de que outros graduados poidan exercer as funcións dun mestre de primaria é un modo máis de desvirtuar e desprestixiar o traballo docente, tan maltratado nestes últimos tempos. Foron abundantes os casos nos que o propio goberno puxo en cuestión a súa formación ou a súa dedicación, e agora iguala a súa competencia educativa á que pode ter un graduado en calquera outra materia allea ó ensino. O traballo do mestre ou mestra debería estar dignificado, respectado e valorado pola sociedade, e sobre todo polos seus dirixentes, pois son os mestres e mestras os que teñen o cometido de educar e formar durante os primeiros anos os nenos e nenas dun país, os seus futuros cidadáns, os que serán despois médicas, arquitectos, soldadoras, bombeiras ou ministras.
Somos conscientes de que a formación inicial dos nosos mestres e mestras pode e debe mellorarse, pero este non é o modo de facelo. Non se mellora deixando que outros ocupen o seu lugar.
- Esta medida responde á concepción do ensino que afianza a LOMCE, segundo a cal a educación se identifica coa adquisición de contidos en determinadas materias disciplinares, aquelas que serán avaliadas nas chamadas reválidas, polo que basta con ser un bo graduado, xa sexa en Filoloxía, Bioloxía, Historia ou Matemáticas, para ser un bo docente de primaria. Os coñecementos de didáctica, organización escolar, psicoloxía da educación, dificultades da aprendizaxe, e outros que adquire un mestre e que o dotan de formación pedagóxica, carecen de valor e importancia. Pretenden que a competencia nunha lingua estranxeira substitúa esta formación? O Ministerio reduce a educación primaria á mera transmisión de coñecementos. A educación artística, musical, os valores da convivencia, igualdade, as actitudes, a aprendizaxe de normas, o saber estar.. non teñen sitio.
- Estamos ante a constatación dos recortes que esta administración está levando a cabo no ensino público, de maneira especial na dotación de profesorado de apoio que posibilite a atención permanente dos nenos e nenas con NEAE, para así facer posible o seu pleno desenvolvemento en condicións de igualdade.
Unha medida que ten o alumnado como destinatario, nomeadamente aquel con NEAE, só debe planificarse e articularse pensando neste alumnado, poñendo en xogo os medios e recursos necesarios para facer efectivo o pleno dereito á súa educación. Se realmente isto lle preocupa á administración educativa, esta ten mecanismos para a contratación de docentes especialistas con formación específica e parece que, cando menos, dispón de 22 millóns de euros para empezar.
1 resposta
[…] manifesto da Confederación de Anpas Galegas sobre a substitución de profesionais do ensino por bolseiros ten o apoio da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de […]