9 de marzo. Folga no Ensino Público
O próximo 9 de marzo está convocada por diferentes organizacións educativas unha folga xeral do Ensino Público, para continuar na protesta contra da LOMCE, unha lei contra a que levamos máis de cinco anos loitando, que mesmo ten acordos maioritarios de paralización no Congreso dos Deputados, pero que continúa a aplicarse por uns gobernos que non queren escoitar o que a cidadanía dixo na rúa, e tamén nas urnas.
A Confederación ANPAS GALEGAS, que en ningún momento deixou de denunciar unha normativa como a LOMCE, lesiva para os intereses da nosa mocidade actual e da sociedade futura en xeral, tampouco nesta ocasión ten dúbidas da conveniencia, da actualidade, nin da necesidade de apoiar pública e rotundamente todas as mobilizacións, tamén as do próximo 9 de marzo, que defendan un Ensino Público libre de normativas como a que se denuncia.
Do mesmo xeito que continuar dicindo en voz alta e moi clara que as nais e pais do alumnado público galego non queremos a LOMCE, demandamos a súa inmediata derrogación, e non aceptamos un “pacto educativo” no que non está presente toda a comunidade educativa galega, porque para esta Confederación, o noso País ten motivacións de abondo como para ter voz propia en calquera normativa que pretenda regular a nosa realidade, a nosa convivencia, a nosa educación e a nosa cultura.
Neste momento hai asociacións de ANPAS, con algunha presenza en Galiza, que considera que un adiamento parcial das reválidas que a LOMCE estableceu, adiamento por certo que se logrou polo traballo serio e continuado de organizacións como a nosa Confederación, é motivo abondo como para non continuar loitando por unha educación máis xusta, máis equitativa, máis inclusiva; hai organizacións que pensan que abonda con que outros pretendan organizar o noso futuro educativo, e que non é necesario que teñamos unha presenza propia cando se fala da educación galega; non é o noso caso.
Para esta Confederación, a defensa dun Ensino Público galego, inclusivo e laico, é a razón fundamental da nosa existencia, e estaremos sempre con todas aquelas persoas e organizacións que defendan con nós eses principios elementais de equidade e respecto mutuo, e loxicamente estaremos en contra de todo aquilo, e de todos aqueles, que os ataque ou os menosprece.
Por iso estaremos o día 9 de marzo nas rúas, e por iso animamos a todas as familias galegas a apoiar esta folga, para rematar coa LOMCE, para termos un Ensino Público como o que queremos e merecemos.
5 respostas
[…] próximo 9 de marzo está convocada por diferentes organizacións educativas unha folga xeral do Ensino Público, para continuar na protesta contra da LOMCE, unha lei contra a que levamos máis de cinco anos […]
[…] próximo 9 de marzo está convocada por diferentes organizacións educativas unha folga xeral do Ensino Público, para continuar na protesta contra da LOMCE, unha lei contra a que levamos máis de cinco anos […]
[…] próximo 9 de marzo está convocada por diferentes organizacións educativas unha folga xeral do Ensino Público, para continuar na protesta contra da LOMCE, unha lei contra a que levamos máis de cinco anos […]
[…] -9 de marzo. Mobilizacións en contra da LOMCE en todo o País. […]
[…] https://www.anpasgalegas.gal/2017/02/9-de-marzo-folga-no-ensino-publico/ […]