Xuntanza coa Consellería de Educación: neste trimestre SO se pode TRABALLAR, e AVALIAR, SOBRE a materia impartida nos DOUS PRIMEIROS TRIMESTRES do curso.
XUNTANZA POR VIDEOCONFERENCIA COA CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN
O 23 de abril fomos convocadas a unha xuntanza coa Conselleira de Educación, estivemos presentes as dúas confederacións de anpas, e todos os sindicatos representativos no Ensino Público Galego. Estiveron tamén presentes unha representación de anpas e sindicatos do ensino privado, aos que non nos imos referir neste comunicado porque representan unha realidade totalmente diferenciada do que é a nosa razón de ser.
A xuntanza tivo un formato inesperadamente irregular, a conselleira falou preto dunha hora, logo déronnos a opción de falar cinco minutos a cada unha das organizacións presentes, e despois novamente a conselleira, o secretario xeral técnico e os dous directores xerais, contestaron ao que lles apeteceu contestar.
Obviamente con este formato non houbo lugar a diálogo, nin a intercambio de opinións, nin a replicar o que alí se dixo; tampouco se puido chegar a acordos, pero non era esa a intención da consellaría, por suposto.
A conselleira utilizou o seu parlamento inicial para contarnos detalladamente o que xa sabiamos, fixo un histórico da situación, dende o momento no que se suspenderon as clases ata o presente, gabouse de todo o que fixo a consellaría, confundindo como sempre fai o que se fixo co que se debera facer, entregou datos estatísticos, quizais certos pero inútiles, e demostrou en todo o seu discurso que o que a consellaría entende que os problemas de conexión entre as familias-alumnado cos centros educativos limítanse a aqueles que proceden das eivas tecnolóxicas do persoais e territoriais.
Por ir pechando áreas, diremos que a resposta a estes primeiros plantexamentos démola nun sentido practicamente unánime: esta reunión chega tarde, o formato non é o axeitado, e os problemas de conexión son obviamente as eivas tecnolóxicas (que a consellaría non resolveu nin sequera minimamente), pero tamén as eivas formativas de toda a comunidade educativa, e as económicas, sanitarias, emocionais, laborais, familiares, e individuais, incrementadas constantemente con novas necesidades que a propia circunstancia fai xurdir. Por suposto a todo isto súmase a ausencia absoluta dunha consellaría que se negou a coordinar a acción conxunta, deixando nas mans do profesorado e as familias a resolución de todos os problemas.
Volvendo á reunión, a parte quizais máis produtiva da mesma foi o debullado dunhas poucas ideas que cómpre que fiquen aclaradas:
- O CURSO REMATARÁ O 19 DE XUÑO.
- A volta ás aulas DEPENDERÁ SÓ DAS AUTORIDADES SANITARIAS, de momento non hai previsión.
- A terceira avaliación será de recuperación e reforzo, non é recomendable avanzar materia, pero se alguén o fai, NON SE PODE AVALIAR SOBRE CONTIDOS AVANZADOS, A AVALIACIÓN FINAL SÓ ATENDERÁ AO EXPLICADO PRESENCIALMENTE ATA O 13 DE MARZO. En todo caso, o profesorado terá en conta a circunstancias deste terceiro trimestre, pero só para MELLORAR a avaliación dos trimestres anteriores.
- O curso próximo, no primeiro trimestre, HABERÁ QUE SUPERAR ESTE ÚLTIMO TRIMESTRE, tampouco dixo como, nin deu indicacións de que vaia dicilo, á parte de facer unha referencia á necesidade de atender aos “coñecementos previos”, ou sexa partir da realidade, non da teórica formación que o alumnado debera ter, que é algo que o profesorado fai sempre na medida na que pode facelo. A parte boa é que iso significa a asunción de que existe un problema, a mala é que sen instrucións claras a solución pode ser aínda peor que o problema; sobre todo porque esas instrucións deberan vir acompañadas de menor rateo nas aulas, da posibilidade de desdobres, do incremento de profesorado de apoio, de axudas concretas, que catro trimestres non se dan en tres (e moitísimo menos dous nun, se atendemos á súa teima de superalo no 1º trimestre) se non hai un apoio evidente e cuantificábel.
- A referencia que fixo á atención as familias e ao alumnado foi que dende ANTONTE estase solicitando ás direccións que envíen información sobre esta atención, nivel de conexión -novamente dende o punto de vista tecnolóxico en exclusiva- , e capacidade de interacción co alumnado. Non sabemos o que sabe a consellaría do que se fixo até antonte, pero menos mal que non estivo nas súas mans porque non se tería feito nin o pouco que se fixo.
- As ABAU manteñen, mentres non haxa contraindicación sanitaria, as datas acordadas, as datas de celebración previstas o 7-8-9 de xullo, e as probas faranse de tal xeito que todo o alumnado, independentemente do currículo impartido, poida completar o exame e chegar á máxima nota. Sacarán xa mesmo unhas instrucións moi concretas.
- A falta de instrucións, que recoñeceu que era unha demanda global da comunidade educativa, dixo que non é culpa súa, é do Ministerio de Educación, que “non exerce as súas competencias” e retrasa a actuación galega. Fixo especial referencia as competencias de promoción e titulación, “que son do Estado”. O que non dixo a conselleira é que, en primeiro lugar, a meirande parte das competencias son autonómicas e podían telas desenvolvido; en segundo lugar, que aínda hoxe non sabemos cales son as propostas que levou o noso País ás conferencias intersectoriais, que non son de simple escoita senón de debate; e en terceiro lugar, que o que si é a súa competencia é asumir a dirección do Ensino Público Galego e non deixalo abandonado á improvisación, que foi o que se fixo ata o de agora.
- Referiu a publicación dunhas instrucións galegas completas á aparición no BOE das instrucións do ministerio “as que seremos leais”; e afirmou que esas instrucións galegas estaban preparadas para publicarse xa, só pendentes de confrontalas coas do ministerio para evitar discrepancias. As do ministerio saíron hoxe, 24 de abril, supoñemos que as da consellaría sairán dun xeito inmediato. Agardamos tamén que non sexan tan caóticas e escuras como o foron todas as anteriores publicadas.
- Fixo tamén unha referencia á posible apertura dos centros no verán: se o ministerio o propón, terá que ser o ministerio quen achegue o finanzamento; a Xunta non vai financiar as ideas doutras administracións.
- Igualmente comparte a necesidade dun plan de dixitalización educativa global, pero supedítao ao finanzamento que veña dos orzamentos xerais do Estado.
- Tamén durante toda a intervención falou repetidas veces dos contactos da consellaría coa mesa de directoras-es, e as referencias que fixo semellaban indicar que aí se producían debates e intercambio de criterios, o que se lle contestou posteriormente, no senso de lle lembrar que as direccións non representan á comunidade educativa, nin poden tomar decisións que nos afecten.
- E por último, unha importante aclaración da conselleira: se algunha familia ten algún tipo de dificultade e non pode comunicarse co profesorado, QUE SE POÑA EN CONTACTO COA DIRECCIÓN DO CENTRO E BUSCARANSE SOLUCIÓNS. Non sabemos o que opinarán as direccións disto, pero son palabras da propia conselleira.
As propostas maioritarias das persoas que estabamos presentes foron moi compartidas:
- A consellaría ten que escoitar, debater e informar a ANPAS e sindicatos, que somos as representantes da comunidade educativa.
- É imprescindible o establecemento de directrices claras e coordinadas que aseguren un funcionamento homoxéneo de toda a estrutura educativa galega.
- O que hai feito ata o de agora non é -como dixo nalgún momento a conselleira- unha adaptación á excepcionalidade, porque non hai nada adaptado, o que temos diante é unha falta de coordinación absoluta.
- Estamos deixando atrás a unha cada vez máis ampla parte do alumnado, nomeadamente a todo o que ten necesidades específicas de apoio educativo, pero tamén a todas as persoas que -polas máis diferentes razóns- están física e emocionalmente desconectadas neste momento. Para toda esa xente fai falta un plan específico, e sobre todo a seguridade de que non se vai avanzar mentres elas-es non se incorporen.
- Hai que contemplar as necesidades económicas, existentes e sobrevidas, para definir un modelo de actuación, presente e futura, que resolva todas estas problemáticas.
- É fundamental a concreción nas
directrices do próximo curso académico, porque del depende a existencia de
múltiples velocidades no Ensino Público Galego, o que representaría o auténtico
fracaso desta pandemia.
En resumo, temos a impresión de que novamente a consellaría de educación está negando as súas responsabilidades, non ten unha diagnose nin sequera minimamente acertada da realidade que estamos a vivir, e vémola moi disposta a deixar á súa sorte a todo o alumnado que non sexa quen de incorporarse polos seus propios medios a un futuro que se presenta desorganizado e desatendido.
Nós participamos reclamando inclusión, atención á diversidade -un concepto aínda máis amplo agora mesmo- , e seriedade á hora de planificar a finalización deste curso, e sobre todo o comezo do próximo, e garantir que ninguén vai ficar abandonado polas súas circunstancias, sexan cales sexan.
Temémonos que non nos escoitarán, pero continuaremos dicíndoo.
1 resposta
[…] O resumo íntegro da reunión feito pola Confederación de ANPAS Galegas neste enlace (pincha aquí)… […]