ANPAS Galegas e PSdeG, unha conversa a prol do ensino público
Nestes días estamos levando a cabo unha serie de xuntanzas cos distintos grupos parlamentarios, co obxectivo de presentar a nova directiva de ANPAS GALEGAS e trasladar a nosa visión sobre a situación actual do ensino público.
O pasado xoves 16 de novembro, reunímonos con Noelia Otero Lago, voceira do PSdG-PSOE, con quen debatemos sobre cuestións tan importantes como a necesidade de abordar con urxencia o tema do trasporte, partindo dunha análise conxunta do mapa escolar no País. Tamén falamos de afondar na necesaria mellora da formación do profesorado e na dotación de recursos humanos, tan importantes para atender á diversidade, así como a importancia de que conceptos como a IGUALDADE entren de cheo nas aulas, en quen as imparte, nas familias e, especialmente, en quen nos goberna para que esta sexa de verdade unha realidade.
Trasladámoslle a importancia de que as decisións que afectan ao ensino sexan tomadas no seo do Consello Escolar de Galiza, con todas as partes representadas, que cada unha delas poida ser debatida, consensuada e acordada por todas.
Quedámonos co seu compromiso cara o noso traballo e coa necesidade, tal e como se nos manifestou, de continuar reivindicando esa calidade no ensino público, como vimos facendo dende hai xa dez anos.