Hoxe de novo estivemos nas rúas. Nin Reválidas nin LOMCE
Manifestación-do-26-de-outubro-non reválidas nin LOMCE en Vigo, Ferrolterra, Costa da Morte, Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía…
Cando un País ten a desgraza de ter gobernos que non escoitan aos seus cidadáns, que non entenden cal é o mandato que se lles dá, que é para o que están aí e non para outra cousa; neses casos non queda outra máis que berrar, berrar polas nosas esixencias, polas Leis que queremos, por como queremos distribuír e organizar o que é de todas e de todos.
Cando o goberno dun País ten a intención de botar fóra a moitos de nós, e non cre que os dereitos non dependen de ningunha condición diferente ao propio feito de sermos individuos que vivimos nun espazo común; teremos que defendernos e defender tamén aos que non poden facelo por si propios e aos que aínda non acadaron a idade para o poder demandar como nós lles ensinaremos.
Cando a xente do noso País temos a desgraza de ter enfronte a un grupo de gobernantes que rexeitan escoitar, que negan a voz plural e compartida, que pretenden consolidar os privilexios e as garantías duns poucos e que por riba queren facelo a costa da maioría que sofre as súas políticas clasistas, entón hai que saír ás rúas pacificamente, hai que baleirar os colexios, hai que ir da man os vellos cos novos, e hai que berrar máis, defenderse máis, afianzarse máis.
Iso, outra vez, fixémolo o 26 de outubro.
Volvemos a berrar as mesmas ladaíñas, a coller as mesmas pancartas; volvemos a dicir que a Lei da discriminación educativa non é a nosa Lei, que non a queremos e que non a imos admitir, aínda que pasen os meses e os anos.
NON QUEREMOS REVÁLIDAS, nin os nosos fillos e fillas, nin nós, que somos as súas nais e pais e queremos o mellor para eles; e como non as queremos imos pelexar ata que ese mal pesadelo desapareza dos seus soños, e poidan continuar a súa vida co camiño aberto, coas oportunidades todas, coas súas arelas intactas; e coa colaboración de todos e todas para construír neles o futuro da nosa sociedade.
Hoxe estivemos nas rúas, e volveremos cantas veces sexa mester, retomaremos as consignas e as bandeiras, levaremos escritos e cartaces, porque ninguén, ninguén, ten o dereito a decidir quen queda atrás e quen pode continuar, o único que todos temos é a obriga de traballar para que ninguén quede apartado.
Por iso, non queremos reválidas, non queremos atrancos, non queremos diferenzas, máis ca iso, non imos consentir que as haxa.