Informe sobre o pleno do Consello Escolar de Galiza do 20 de decembro de 2016
INFORME SOBRE O PLENO DO CONSELLO ESCOLAR DE GALIZA DO DÍA
O Pleno do Consello Escolar de Galiza celebrado o día 20 de decembro de 2016 en Santiago de Compostela, deu comezo ás 17:00 horas, en segunda convocatoria, coa asistencia de 27 membros (26 con dereito a voto ao non terse en conta o Secretario), dos 49 membros (48 con dereito a voto) que, na actualidade, forman parte deste órgano de participación.
O primeiro punto da Orde do día foi a aprobación da Acta da sesión anterior (celebrada o 15 de marzo). A Acta foi aprobada cunha corrección proposta por ANPAS GALEGAS. No cuarto parágrafo da última páxina da Acta (a número 7),dicía textualmente:
“…O Señor Sánchez García comenta que hai unha campaña a prol da regulación e tratamento das enfermidades raras nos nenos e nenas da Comunidade Autónoma…”
Houbo que explicarlle á Presidencia que a campaña o que solicita é:
“unha regulación que garanta o dereito á educación das nenas e nenos galegas que, por mor de padecer unha longa enfermidade ou lesión, non poden asistir con regularidade ás aulas. O que se coñece como a atención educativa hospitalaria é domiciliaria”
Ao parecer nin o Vicepresidente nin o Secretario do Consello Escolar de Galiza coñecen a existencia da educación hospitalaria e domiciliaria, senón non se entende o erro na redacción da Acta. Finalmente tomaron nota da corrección e aprobouse a Acta por unanimidade. Hai que lembrar que ANPAS GALEGAS ten presentada unha “proposta de resolución” sobre a atención educativa hospitalaria e domiciliaria, que foi trasladada á Comisión Permanente para a súa consideración. Defenderemos na próxima Comisión Permanente do Consello Escolar de Galiza o dereito a que esa proposta de resolución sexa debatida e votada no Pleno.
O segundo punto da Orde do día foi un informe da Presidencia sobre unha baixa e unha alta no Consello Escolar de Galiza (informe de trámite sen mais)
No terceiro punto da Orde do día debateuse o “Informe sobre as bibliotecas escolares de Galiza, curso 2014-2015”. Dito informe chegounos no mes de maio, xunto coa “propostas de melloras aprobadas pola Comisión Permanente” e presentamos TRES emendas á proposta de mellora. Xunto coas tres emendas nosas, a CIG presentou outras nove emendas mais. Das nove emendas presentadas pola CIG, dúas foron adheridas e debatidas xunto con dúas nosas, a petición da propia CIG, por ser propostas moi semellantes.
A Comisión Permanente xa incluíra na proposta de mellora unha emenda presentada pola UXT relativa á necesidade de atender ás cuestións de recursos humanos nas bibliotecas escolares. O debate centrouse nas emendas aínda vivas, que foron defendidas polos propoñentes e rebatidas polos representantes da administración, unha a unha:
En primeiro lugar debatemos as nosas, as de ANPAS GALEGAS, que tiñan como finalidade que o Consello Escolar de Galiza transmitira á Conselleira a súa obriga ao respecto de realizar as accións necesarias para que todos os centros educativos públicos (eliminando “sostidos” para eliminar aos concertados) galegos teñan bibliotecas escolares e todas incluídas no “Plambe”, de aumentar os fondos documentais en lingua galega ate garantir a igualdade, e de aumentar o apoio obrigado da Consellería aos Centros educativos en cuestións como deseñar medidas e programas.
A resposta da administración foi: son os centros os que teñen que solicitar…, son os centros os que mercan os libros, son os centos os que deseñan medidas, son os centros os que… todo é responsabilidade dos Centros. Finalmente, e estas son palabras textuais do Sr. Pinal, “a Constitución obriga a Administración a concertar cos centros privados”, como suporedes tivemos un intenso debate co Sr. Pinal, no que fomos apoiados tanto pola CIG como pola UXT e un representante dos MRPs, mais as posturas quedaron claras e inamovibles.
Hai que dicir que neste Pleno, desgraciadamente, a presenza da administración e conselleiras/os “afins” á propia administración foi moi maioritaria, polo que pouco podiamos facer contra iso, tendo en conta ademais a abstención case permanente (as veces incluso en contra) dos membros de CCOO, UXT e dun que asistiu de CONFAPA .
Polo que respecta as nosas propostas, as tres foron rexeitadas co seguinte resultado: 5 a favor (o noso voto, os da CIG e o membro do MRPs), 15 en contra, e 6 abstencións.
A continuación debatemos as emendas da CIG, tamén unha por unha, con resultados semellantes ( 4 ou 5 a favor 15 ou 16 en contra e 6 ou 7 abstencións). As propostas da CIG, ademais do xa falado sobre incremento de fondos documentais en galego e de implantar o Plambe en todos os centros públicos (non concertados), facían fincapé no voluntarismo que hoxe en día fai posible o bo funcionamento das bibliotecas escolares, na necesidade de liberar horas para profesorado responsable da biblioteca, especializar a dito profesorado e recoñecer administrativamente esa especialización, formar equipos docentes de apoio á biblioteca, ampliar medios técnicos e audiovisuais, etc… Nós votamos a favor de todas as propostas, e aínda que de pouco serviu, polo menos quedou patente o apoio de ANPAS GALEGAS a unhas melloras nas bibliotecas escolares que, no propio informe, considéranse moi necesarias e moi positivas para lograr un ensino público de calidade. Finalmente aprobouse a “proposta de mellora” tal e como a redactou a Comisión Permanente co seguinte resultado 18 a favor, 4 en contra (nós e a CIG) e 4 abstencións.
O cuarto punto da orde do día consistiu en aprobar a “Memoria de Actividades do Consello Escolar de Galiza” do curso 2015-2016. Houbo unha quenda de palabras na que ANPAS GALEGAS tamén participou, adherímonos á opinión maioritaria de sindicatos e MRPs no sentido en que a memoria reflicte a actividade real do Consello Escolar de Galiza, pero que non concordamos coa función que actualmente desenvolve, baleira de contidos reais e limitándose a elaborar ditames que, aínda por riba a administración non atende.
Todas/os consideramos que o Consello Escolar (o máximo órgano de participación e consulta no ensino galego) debe traballar por iniciativa propia, debatendo os problemas actuais do ensino público, (falouse da LOMCE, dos deberes escolares, etc…) e elevando informes e propostas á Consellería.
O Vicepresidente fixo alusión ás obrigas legais, e alegou que elaborou todo o que a Consellería lle solicitou, co que pareceu satisfeito.
A continuación votouse a Memoria á que ANPAS GALEGAS anunciou a abstención, polas razóns expostas, coincidimos en que reflexa o realmente traballado pero non concordamos coa función que está a desempeñar o Consello. Finalmente o resultado foi 20 votos a favor, 0 votos en contra e 7 abstencións.
Os puntos quinto, sexto e sétimo da Orde do día consistían no debate e aprobación dos ditames sobre: 11 proxectos de decretos que establecen currículos de técnicos superiores en artes Plásticas, Técnicos deportivos e Técnicos deportivos superiores; o ditame de 1 proxecto de decreto que establece o currículo formativo de grao superior para o título superior en Organización e Control de Obras de Construción e o ditame de 1 proxecto de decreto que aproba 6 currículos de títulos de formación profesional básica.
O procedemento de debate destes proxectos segue o establecido nas chamadas “guías”, que recollen as emendas presentadas polas distintas organizacións e previamente son remitidas por correo electrónico.
En total presentáronse 43 emendas a todos eses textos legais: 1 de ANPAS GALEGAS, 19 da CIG, 17 de CCOO e 6 de UXT, que se debateron e votaron unha a unha, por suposto.
A presentada por ANPAS GALEGAS foi a primeira en se debater, recordade que cando remitiron os 11 proxectos de decretos, enviamos unha solicitude de prórroga de prazo para poder elaborar emendas (o prazo era de doce días naturais) e, de non ser concedido dito aumento de prazo, emendar a totalidade dos proxectos. Non concederon aumento de prazo e engadiron a emenda á totalidade, polo que fixemos unha exposición sobre a necesidade de dar un prazo de tempo axeitado que permita garantir o dereito á participación, respectando os procedementos democráticos das organizacións que formamos parte do Consello Escolar de Galiza, do contrario este Órgano queda sen contido real.
A intención era que constara en Acta a nosa “proposta–protesta” e logo retirar a emenda á totalidade dos proxectos, porque non tiña moito sentido votala.
A continuación debatéronse o resto de emendas da primeira guía; 16 en total, das que quince foron rexeitadas e so 1 aprobada con 12 votos a favor, 7 en contra e 4 abstencións, esta fora presentada por CCOO na que nun texto ao respecto dos obxectivos a acadar polo alumnado propoñían engadir “orientación afectivo-sexual” en lugar de reflectir “sexo”.
Houbo un debate “encarnizado” entre o representante da CIG e o Manuel Corredoira ao respecto de establecer nos currículos as materias mínimas que deben ser impartidas en lingua galega para garantir (nomeadamente na formación profesional) que se cumpra o establecido no Decreto de Plurilingüismo, algo ao que rotundamente se nega a Consellería alegando que iso é responsabilidade de cada centro e que xa está garantido que, a lo menos, o cincuenta por cento das horas se dean en galego.
Finalmente o ditame, coa emenda aceptada, aprobouse con 4 votos a favor, 4 votos en contra e 13 abstencións (faltaban 5 conselleiras/os).
O seguinte decreto seguiu o mesmo procedemento e debatéronse 5 emendas. Outra das discusións permanente entre os tres sindicatos e a Consellería é o rateo de alumna/o por módulo nos ciclos de FP, a Consellería empéñase en manter o rateo de 30 alumnas/os nos módulos teóricos e 20 nos prácticos. Os tres sindicatos solicitan 20 nos teóricos e 10 nos prácticos. A Consellería di que a Lei establece eses rateos e que eles a cumpren logo, individualmente, autorizarán a minoración cando a soliciten.
Evidentemente se lles recorda que os rateos que establece a Lei son máximos e a Consellería ten competencias abondas para minoralos sen incumprir a Lei, pero non ceden.
Foron rexeitadas 4 das 5 emendas debatidas, pero nun momento en que faltaban dous conselleiras/os da administración, aprobouse 1 presentada pola CIG, precisamente na que se ten que engadir no ditame que o rateo máximo será de 20 – 10, Non lle fixo moita graza ao Sr. Corredoira, mais como o texto non é vinculante tampouco se preocupou moito.
Finalmente o ditame, coa emenda aceptada foi aprobado con 10 votos a favor, 0 votos en contra e 12 abstencións.
O último debate sobre ditame de decretos foi o relativo aos 6 currículos da FP básica. Seguiuse o mesmo procedemento, neste caso so se presentaron 3 emendas de UXT. Das tres so se debateu unha, que solicitaba da Consellería que publicara o mapa da FP, nomeadamente da FP básica, ofertando a implantación dos títulos alí onde a demanda supera á oferta e tendo en conta o tecido produtivo da zona. Por suposto foi rexeitada. O ditame, finalmente, foi aprobado con 9 votos a favor, 0 en contra e 11 abstencións.
O último asunto que se tratou foron os rogos e preguntas, aquí ANPAS GALEGAS tomou a palabra e, xa que hai un debate intenso sobre o cumprimento do uso da lingua galega nos centros públicos, propuxemos que o seguinte informe anual que elabore o Consello Escolar de Galiza (curso 2016.2017) teña como obxectivo coñecer a situación real do uso da lingua galega, adheríronse á proposta outros Conselleiras/os, o Vicepresidente manifestou que o tería en conta.
Logo das correspondentes felicitacións festeiras, rematou o Pleno ás 20:40 horas.
Logo de dúas participacións no Consello Escolar de Galiza, o noso representante opina que o seu funcionamento está “intencionadamente devaluado”, o feito de que sexa un órgano consultivo e non vinculante non abonda a actual administración educativa que non quere nin escoitalo; a actitude que amosan os máximos responsables da Consellería é de desprezo ao Consello, ou polo menos a quen ten unha opinión distinta á oficial. Non existe dinamización do seu funcionamento por parte da Presidencia e, neste ano, nin sequera o convocaron as 3 veces que obriga a lei. Non teñen en conta as propostas de resolución presentadas e hai que esixir legalmente que as incorporen, non dan prazo nin para ler todo o que remiten, etc…
Porén, debemos continuar traballando neste Órgano, e debemos falar con claridade, aínda que á Consellería se negue a escoitarnos, non só porque hai moitas organizacións presentes e a repercusión do que se traballa non é pequena; senón porque ese é o noso compromiso coa sociedade á que representamos, e non estamos dispostos a incumprilo.