Asemblea xeral do 1 de decembro de 2017
Tivemos a nosa Asemblea Xeral bimestral, como de a cotío, para tratar desta volta da nosa presenza nos diferentes organismos nos que estamos a traballar:
Consello Escolar de Galiza, Consello Galego da Convivencia, Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural.
Tamén falamos de dúas realidades que afectan ao noso ámbito educativo.
– Consello Escolar de Galiza, onde onde mantemos unha postura de respecto cara a un organismo que debera ser, e ao que non lle deixan selo dende a Consellaría de Educación, o lugar de debate previo da normativa educativa galega; a nosa Confederación está alí participando activamente, mais recoñecemos que a intención das autoridades políticas é a de converter esta importante reunión nun trámite improdutivo para a sociedade galega, tal e como ocorre con case todos os órganos colexiados galegos, onde o actual poder político pode impor, mal utilizando as súas prerrogativas e maiorías, unha xestión totalitaria e antidemocrática.
– Consello Galego da Convivencia, por fin puidemos asistir a unha reunión porque este Consello non se convocaba dende había máis dun ano. A situación é a mesma que no consello escolar de Galiza: é un órgano ritualizado, que se convoca para informar do que xa está feito, onde non se consulta, nin se valora, nin se consideran as realidades que o poder político non desexa ver. Novamente a nosa representante puxo sobre a mesa a necesidade de traballar na convivencia con medios e obxectivos, rompendo a permanente roda de palabras que non van a ningures, os protocolos inutilizados, e as intencións valeiras ás que non teñen acostumados na consellaría.
– Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, isto funciona mellor, porque este movemento partiu da xente, dos movementos en defensa do Rural, de nós mesmos tamén, porque a Confederación ANPAS GALEGAS tivo moito que ver co seu nacemento, e pretender manter esa presenza no seu desenvolvemento. Aquí trabállase, xa levamos un bo número de xuntanzas, e nelas preténdese avanzar cara a un plan efectivo que salve o noso rural, espazo físico, espazo mental, berce de noso, como a única maneira de salvar a nosa identidade.
Logo tamén falamos de dúas realidades que hai que constatar de seguido:
– O constante abandono da sociedade galega en todas as formas de participación real, e as ANPAs non somos unha excepción a esta problemática, que avaliamos que está provocada e interesada por un poder político que leva décadas tentando que a cidadanía non sinta como seu o espazo público, nomeadamente para nós o Ensino Público.
– O tremendo, impresionante e cruel abandono no que a administración educativa, e a propia sociedade civil, está deixando a toda a diversidade, cun constante recorte de medios, pero tamén cunha constante evasión das obrigas, mesmo legais, pero sobre todo morais, que temos sobre todas as persoas ás que sistematicamente abandonamos á unha pelexa desigual.
O resumo, o de sempre: hai que seguir a traballar, denunciar e debater.