Xuntanza extraordinaria da Confederación ANPAS GALEGAS
O pasado sábado, 24 de febrero de 2018, tivemos unha xuntanza extraordinaria , ou sexa, das que facemos fóra das convocatorias usuais bimestrais, na que debatemos a actualidade do Ensino Público Galego. Falamos obxectivamente do transporte escolar, das reválidas, da necesidade dunha Lei de Educación nova e permanente, de que desapareza dunha vez a LOMCE, de apoiar as mobilizacións do 8 de marzo, da nosa representatividade, de xornadas de formación, do rural, dunha necesaria LEI EDUCATIVA GALEGA…
Foi unha xuntanza longa, máis de oito horas de reunión, continuada porque mesmo no xantar seguimos a falar dos mesmos temas, e tocamos moitos de importancia, aínda que o fundamental foi o de sempre: que a administración educativa continúa no mesmo lugar, estorbando, e impide que o noso Ensino Público tome o camiño que a comunidade educativa demanda dende hai moito tempo.
Logo de tantas verbas ditas e escritas, resulta case monótono ter que escribir que o Ensino Público Galego está baixo mínimos, que se dirixe dun xeito escuro e segredo, que todo o que se publica dende a Xunta de Galiza son noticias de oropel, que logo cando as levamos ao concreto resultan ser pequenas bobadas, que nunca se fan con criterio de universalidade, equidade, inclusión ou igualdade.
O sábado falamos de transporte escolar, ese que está xestionando a Consellaría de Infraestruturas porque a de Educación non quere oír falar de cambios nun modelo que está a condicionar negativamente toda a organización rural galega.
Falamos de reválidas, e de que a Xunta probablemente publique a súa normativa tarde, copiando ata as comas da Orde estatal, e sen informar de que centros escolares se van ver afectados. Por suposto, nós estaremos onde sempre estivemos, en contra, e trataremos de evitar que ningunha crianza realice eses exames inútiles e innecesarios; pero estaría ben que houbera algún día un debate serio, público e claro, sobre o que a administración educativa pretende con esas probas, sobre o que se leva gastado nelas, e sobre o tempo que os nosos fillos e fillas levan perdido na súa preparación e desenvolvemento.
Falamos da necesidade dunha Lei de educación nova e permanente, de que desapareza dunha vez a LOMCE, o que hoxendía é responsabilidade exclusiva de practicamente todos os partidos presentes no Congreso dos Deputados; mais tamén do absurdo espellismo que supón esa comisión para o pacto educativo, que leva consumindo meses e anos sen facer máis nada que dilatarse a si propia. Nós temos propostas alternativas, enviarémosllelas aos Deputados, mais tamén demandamos que sexan eles quen se acheguen ás familias e á sociedade.
FALAMOS, en maiúscula porque é fundamental, da necesidade, non por retrasada menos urxente, dunha LEI EDUCATIVA GALEGA. Sabemos como están as competencias educativas, sabemos que o estado español ten a capacidade de lexislar as bases do sistema; pero tamén coñecemos que o resto das competencias están aquí, no noso País, e que o xenérico modelo estatal ten que se adaptar á nosa realidade para poder ser útil para nós, para os nosos fillos e fillas. Tamén presentaremos as nosas propostas, tamén deberiamos estar sendo permanentemente chamadas, as familias, a sociedade toda, no canto de ter que ser nós que de continuo pete na porta de quen teima en nos dirixir.
Falamos de apoiar as mobilizacións do 8 de marzo, e como non facelo!, nun mundo como o noso, o do asociacionismo de nais e pais, onde máis do 80 % da nosa xente somos mulleres, e onde coñecemos moi ben cal é a carga suplementaria que soportamos por selo.
Apoiamos, e tamén agardamos que as mulleres estudantes tomen as súas decisións en liberdade; máis tamén quixemos salientar que é necesario que as nosas fillas tomen conciencia do camiño que se está a desandar no respecto aos seus dereitos, da súa inviolabilidade como seres humanos, física e socialmente; porque o avance dos comportamentos machistas nos ámbitos educativos, entre o propio alumnado, e mesmo nalgúns casos na relación profesorado-alumnado, está sendo un perigo que temos que denunciar constantemente.
Falamos do rural, dese rural que nos están roubando dende a Xunta de Galicia, da nosa participación decidida na Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, unha iniciativa que está a callar entre moita boa xente que quere que o rural non esmoreza, que teña futuro, para que todas teñamos futuro.
Falamos da nosa representatividade, enorme neste momento, e da non correspondente presenza que nos queren dar nos medios públicos e privados; vese que asustamos algo, que as nosas opinións non concordan co status quo que todo o fía ao liberalismo, tamén no Ensino Público. Liberalismo que é igual a exclusión, a beneficio sucio, a discriminación, a pobreza.
Fixamos un obxectivo de traballo, que se suma á todo o que vimos a facer constantemente: temos que axudar á formación dos membros das anpas, nomeadamente das súas directivas, de toda esa xente excelente que se enfronta a un mundo descoñecido coa magnífica intención de traballar polo ensino no que viven os seus fillos e fillas, e por extensión no que vive toda a infancia e xuventude.
Na próxima xuntanza debullaremos este propósito con máis detalle, pero neste curso haberá moitas xornadas de formación pola xeografía galega, xa nos encargaremos diso.
Tamén, deu para moito, falamos de orzamentos, actas, continuidade dos cargos, gastos, e todas esas cousas pequenas que hai que facer, e nas hai que utilizar parte do tempo para poder traballar polo Ensino Público; pero diso non falaremos, desta vez, aquí polo miúdo.