A consellaría de Educación bótanos fóra dos centros de ensino
Levamos, as asociacións de nais e pais do alumnado, dende a primeira vez que se falou da LOMCE, dende a primeira vez que tivemos que rexeitar, escandalizados, esa lei, advertindo a toda a sociedade do tremendo e negativo retroceso que supón a súa apliación.
Temos que dicir que a sociedade escoitou, que non quedou ningún sector que non estivera con nós, ou nós con eles que ven sendo o mesmo, agás, desgraciadamente, dun goberno que se atreveu a sacar adiante unha lei que ninguén quere, e que todo o mundo está comprometido a derogar.
E agora, pingueira a pingueira, van comezar a caer, a facerse visibles para todos, as consecuencias desta lei reaccionaria, elitista, inútil e antieducativa. Cambiaremos novamente libros de texto para encher máis veces o peto das editoriais; teremos relixión en todas partes para non ter liberdade en ningunha; asombrosamente é posible que as nosas nenas e nenos perdan todo o ensino artístico. Imaxina alguén que o alumnado non poida pintar, facer manualidades, Expresarse -así, con maiúscula- naquilo que sinte, pensa ou ensoña, porque ten que matinar no seu carácter emprendedor?
Por suposto ao noso lexislador non lle importa a música, nin as artes, nin o pensamento, ao noso lexislador só lle importa a formación laboral, para que sexamos bos obreiros e empresarios, aínda que tampouco esa elección vaia ser moi posible no futuro, porque virá marcada pola capacidade económica que cada quen teña, e non polos seus méritos ou capacidades.
Os autores da LOMCE tampouco gostan das familias nos colexios, estorbamos, incomodamos, preguntamos, participamos, e todo isto entorpece o funcionamento produtivo deses colexios-empresa que pretende crear ese ministro que pasará como o peor ministro de educación da nosa historia recente. Por iso deixaron os Consellos Escolares como un órgano decorativo, onde xa só imos ir a escoitar o que teña a ben comunicarnos un director ou directora, nin tan sequera un equipo directivo – do que non poderemos participar na súa escolla, como tampouco poderán facelo os seus propios compañeiros, os profesionais do ensino – porque vai ser a administración educativa, a mesma que propiciou a existencia da LOMCE neste momento, quen diga quen serve para dirixir un centro educativo, onde non se conta cos claustros, onde non se permite a a opinión das familias, onde se tenta botar fóra tamén ao alumnado que non responda ao prototipo “emprendedor” do que tanto gosta esta Lei impulsora de vasalos e fomentadora de exclusións.
Pero as familias sabemos que temos que estar dentro da educación, que somos parte da comunidade educativa, que temos un interese directo, lexítimo e inalienábel para participar en todos os aspectos da vida das nosas fillas e fillos. Porque xa tiñamos ese dereito só por ser parte da sociedade, e duplícasenos ao sermos nais e pais. E sabemos tamén que non hai poder político que nos poida botar fóra dos centros educativos; de onde queremos estar, e de onde a sociedade necesita que esteamos. Porque unha nena, un neno, non poderán acadar a formación que precisan se a súa vida non se inicia dentro da harmonía social, se a súa educación non conta co traballo conxunto de todos os que somos parte dela; se as mensaxes que recibe non son complementarias entre si, proveñan de quen proveñan; se o profesorado e as nais e pais non estamos constantemente falando e traballando xuntos polo seu ben.
Por iso, continuaremos defendendo e pelexando para que todo o mundo escoite que temos dereito a exercer a responsabilidade de escoller aos directores dos centros, que os consellos escolares teñen que ser os responsables da vida dos centros educativos e que todo debe pasar por eles, e que as familias somos un piar fundamental no noso Ensino Público, para fornecelo e defendelo, para garantilo e entregárllelo aos que veñan detrás de nós, ao igual que o recibimos dos que estiveron antes.
Nestes momentos xa está pasando. Nun centro público o consello escolar por unanimidade ( incluido o representante do concello ) tomou unha decisión para o meu parecer importante. E tanto o concello ( malmetendo e dividindo o pobo ) e o xefe territorial votaron a baixo esa decisión e fixeron o que lle deu a gana. É tan fácil pasar da decisión dun consello escolar? Para qué está entón?