A DESIGUALDADE NA PANDEMIA – DEMANDA Á VALEDORA DO POBO
A Pandemia trouxo moitas cousas, moitas inevitábeis, e de extrema tristeza e desgraza; máis tamén trouxo outras que podían non se ter dado con tanta forza, e unha delas foi a desigualdade entre o alumnado dos centros públicos galegos. Desigualdade entre os que tiñan e os que non tiñan, entre os que sabían e os que non, os que podían conectarse e os que ficaron illados.
Pero, sobre todo, trouxo desigualdade para as que xa non estaban igualadas, para todas aquelas que xa vivían pegadas á excepcionalidade, para todo o alumnado de necesidades específicas de apoio educativo, que viu como de súpeto se pechaban os seus colexios, e de paso os seus moi contados recursos, e marchaban para casa sen máis atención, sen máis apoio académico que o que puideran prestarlle, voluntaria e individual e mesmo afectivamentemente, algúns dos seus docentes; e con todo o apoio emocional das súas familias, ese nunca falta.
A Administración aparentemente non fixo nada por eles, e nós queremos que teñan voz, que alguén explique de que serve esta atención á diversidade de usar e tirar que temos neste País. Como nós xa preguntamos moitas veces, e xa falamos moitas máis, agora queremos que sexa a Valedora do Pobo quen interveña, quen pregunte, e quen tire conclusións de todo o que pasou, e segue a pasar, neste curso académico, de como se deixa xente atrás sen necesidade de facelo.
Velaí tedes o que lle contamos á Valedora, vós diredes se é ou non é certo.
Prezada Valedora do Pobo
A Confederación ANPAS GALEGAS é unha organización sen ánimo de lucro que se crea no ano 2013 aglutinando a diversas Federacións de ANPAS preexistentes coa intención de defender de xeito unitario e cunha soa voz a nosa proposta sobre o Ensino Público Galego.
O Ensino que nós queremos e defendemos ten que ser público, gratuíto, democrático, inclusivo, laico e galego; pero sobre todo, por riba de todas as consideracións, ten que atender dun xeito equitativo a todo o alumnado galego, mirando a toda a diversidade que nel existe, e coidando de todas as situacións que poidan traer risco de desigualdade. Procurando, en resumo, nivelar á nosa infancia e xuventude no máximo das súas capacidades e aspiracións, para que a Escola funcione como un elemento compensador, como é de seu, das diferenzas que traemos de noso cadansúa persoa, e tamén das que dependen das imposicións económicas, afectivas e culturais do modelo social no que vivimos.
Dende o 11 de marzo pasado, cando a OMS declarou pandemia internacional a situación provocada polo COVID-19, e sobre todo trala declaración do estado de alarma no Estado Español do pasado 14 de marzo, á natureza individual e aos costumes sociais tivemos que lle sumar outra circunstancia nunca antes vivida, e polo tanto dificilmente previsíbel, cal foi o confinamento de toda a poboación, a prohibición de toda actividade grupal, e consecuentemente a suspensión de toda a actividade lectiva en todos os centros de ensino non universitario.
A Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, modificada pola Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa establece no seu artigo 1, que o sistema educativo español, configurado de acordo cos valores da constitución e asentado no respecto aos dereitos e liberdades recoñecidos nela, inspírase nos seguintes principios:
- A calidade da educación para todo o alumnado, independentemente das súas condicións e circunstancias.
- A equidade, que garanta a igualdade de oportunidades para o desenvolvementos cheo da personalidade a través da educación, a inclusión educativa, a igualdade de dereitos e oportunidades que axuden a superar calquera discriminación e a accesibilidade universal á educación, e que actúa como elemento compensador das desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais, con especial atención ás que se deriven de calquera tipo de discapacidade
Resulta evidente que a situación provocada polo confinamento derivado do estado de alarma provocou unha modificación de todos os estándares de actuación educativa. De súpeto, o alumnado ficou nas súas casas obrigatoriamente. En Galicia xa se tomara esa decisión segundo as medidas acordadas o día 12 de marzo que suspendían todas as actividades lectivas reguladas en todos os centros de ensino non universitario a partir do 16 de marzo, aínda que xa se indicaba a voluntariedade de acudir aos centros o día 13 dese mes, o que de feito se traduciu nunha non asistencia xeneralizada.
Nese momento ordenouse ao profesorado que “programara nas páxinas web dos centros ou por outros medios telemáticos, accesibles ao seu alumnado, actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e fará o seu seguimento, pero non terán carácter de avaliables”
O día 13 de marzo establecíanse xa instrucións respecto da atención do alumnado:
3.1 O centro disporá das medidas precisas para facilitar a continuidade do proceso de aprendizaxe do alumnado fóra do ámbito escolar.
3.2 Cada centro, dentro da súa autonomía pedagóxica e de xestión, establecerá un sistema de comunicación e información co alumnado e as familias a través das ferramentas ou plataformas coas que traballa habitualmente, así como calquera outro medio de comunicación que o centro estime adecuado para esta situación.
3.3 Os equipos docentes e o restante profesorado elaborarán propostas de actividades para que o alumnado continúe co seu proceso educativo nos seus domicilios.
3.4 Prestarase unha especial atención á titorización do alumnado de 2º de bacharelato.
Ata este momento, a situación pódese resumir como de simplificación do tratamento educativo, todas as comunicacións teñen unhas compoñentes comúns:
- Aplicaranse polos centros educativos, segundo o seu criterio, medios e posibilidades.
- Non se establece diferenciación en canto ao tratamento do alumnado.
- Existe unha clara intención de continuidade do proceso educativo nos domicilios do alumnado.
O 13 de abril de 2020 emítese un comunicado, dirixido ás direccións dos centros, sobre as medidas a adoptar en relación co inicio do terceiro trimestre:
1.- A actividade lectiva non presencial continuarase, con carácter xeral, mediante repaso, reforzo e recuperación do traballo desenvolvido, centrándose na adquisición das competencias clave. Así mesmo, os centros educativos avaliarán as medidas a adoptar para a atención ao seu alumnado con maiores dificultades de acceso á educación no actual contexto.
E o 17 de abril, máis dun mes máis tarde das primeiras instrucións, a Consellaría de educación, nas orientacións provisionais para o desenvolvemento do terceiro trimestre, establece por fin que:
Os centros educativos organizarán os seus recursos de apoio para favorecer na medida do posible a axeitada atención ao alumnado con necesidades educativas especiais, favorecendo o seu acceso ao currículo por medio da adaptación dos instrumentos, tempos e apoios que aseguren una adecuada atención e avaliación deste alumnado. Porase, asemade, especial coidado na atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo.
Nas instrucións definitivas do 27 de abril de 2020, a Consellaría de educación reitera o texto que incluíra nas orientacións provisionais de dez días antes, engadindo unha directriz específica:
Os centros educativos organizarán os seus recursos de apoio para favorecer na medida do posible a axeitada atención ao alumnado con necesidades educativas especiais, favorecendo o seu acceso ao currículo por medio da adaptación dos instrumentos, tempos e apoios que aseguren una adecuada atención e avaliación deste alumnado. Porase, asemade, especial coidado na atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo.
O que ata agora queremos subliñar é o abandono por parte da Consellaría de educación no tratamento das necesidades específicas de apoio educativo, na falta de especificación inequívoca da súa obrigatoria consideración, que impedira o tratamento uniforme e despersonalizado de todo o alumnado, na inexistencia de directrices específicas, de métodos singulares de comunicación, e de ferramentas de traballo para cada unha das moi diferentes tipoloxías existentes e coñecidas. En resumo, o abandono da diversidade para retroceder ata o momento no que se concibía ao alumnado como un todo monolítico ao que habería que tratar dun xeito homoxéneo, non individualizado, carente de valoración personalizada.
Pero non só estamos falando das necesidades específicas xa previstas, coñecidas e diagnosticadas; nin tan só daquelas que aparecen como consecuencia da propia circunstancia que vivimos. Sería inxusto non considerar neste momento como merecentes dun tratamento diferenciado a todas aquelas situacións de inestabilidade laboral, económica, emocional, sanitaria, etc, que xurdiron polo propio confinamento.
A hospitalización de familiares, a perda de empregos, a limitación de ingresos, a falta de contacto con parentes e amizades -de grandísima importancia na época estudantil- , a insuficiente dotación tecnolóxica nos fogares, a inexistencia de conexión en grandes áreas de Galicia, nomeadamente no rural galego, a incapacidade de moitas familias, por todas as circunstancias indicadas, máis tamén por descoñecemento, de ser quen de acompañar académica ou tecnicamente ás súas fillas e fillos. Ao que haberá que engadir un comportamento heteroxéneo do profesorado, que oscilou dende a atención mínima ata a híper atención descontrolada pasando por todos os estadios intermedios que representen a cada docente.
Ao final foron as persoas individuais, e non o colectivo organizado, quen sacaron adiante, sen axuda, sen colaboración, sen instrucións e sen medios, un curso escolar que máis ca nunca tería precisado dunha forte guía de traballo e do máximo apoio institucional.
Vaia por diante, tamén nesta demanda, o noso recoñecemento ao traballo de moitísimos docentes. Que os resultados non estean sendo nin moito menos os desexábeis non lles é imputábel en grao ningún. É moi difícil que unha persoa individual, sen formación previa, sen estrutura organizada, e sen contar cun abeiro sólido por parte de quen tería a competencia de o facer, puidera desenvolver con éxito un traballo como o que se lle esixiu. Agradecemos o seu esforzo e o seu traballo. Lamentamos que en moitas ocasións ese traballo se desperdiciara por causas que non lles son propias.
As ANPA de centros públicos temos unha especial sensibilidade coa atención á diversidade. Nós si cremos no artigo un da nosa lei educativa fundamental. Sabemos que a escola ten que ser equitativa e niveladora, que é o único lugar onde podemos corrixir nalgunha medida o que a natureza ou a localización social poida ter desnivelado; non só a través da educación en si propia, senón mesmo coa conciencia de pertencermos ao mesmo mundo, e termos nel os mesmos dereitos e a diferenciación de tratamento que nos poida igualar ao resto do noso colectivo. Todas sabemos o difícil que é vivir, aprender e desenvolverse coa dificultade engadida dunha necesidade específica; todas coñecemos o sobre esforzo que implica; e por iso esiximos unha sobre atención que atenúe parcialmente ese sobre esforzo. Exactamente iso foi o que fallou aquí e agora.
Pero precisamente porque sabiamos que xa non andabamos moi sobrados de atención, dende o primeiro momento, dende o mesmo día 12 de marzo, estivemos atendendo ao que se facía coas nosas nenas e nenos con necesidades especiais por parte das autoridades educativas. Formalmente xa vimos que nin sequera se fixo mención a elas ata o 17 de abril. Na práctica só podemos tirar datos das diferentes enquisas que fixemos e fixeron outras organizacións e plataformas:
- Na Confederación ANPAS GALEGAS fixemos unha enquisa urxente, entre o 28 de marzo e o 11 de abril, con máis de 1.800 respostas entre as familias galegas, das que un 20 % corresponden a alumnado NEAE, neste caso indícannos que máis do 60 % deles estaban recibindo o mesmo tipo de tarefas que as súas compañeiras-os, e que 57 % non recibiron ningún tipo de acompañamento específico por parte do profesorado.
- A CIG- ensino, na súa enquisa sobre teleformación entre o profesorado, na que nos indican datos de enorme valor: o 85 % afirma que non recibiu ningunha indicación específica para abordar a diversidade empregando a formación a distancia; case un 35 % das respostas indican unha menor participación do alumnado NEAE e un 31 % apuntan aos insuficientes recursos e materiais adaptados. E só un reducido 20 % dos docentes que responderon afirman que a participación no ensino telemático é similar. (https://www.cig-ensino.gal/nova/informe-enquisa-teledocencia.html
- Dende a Plataforma “Dereitos, non Parches !!”, fixeron así mesmo unha enquisa, desta volta só entre familiares de alumnado NEAE galego, con 206 respostas. Neste caso o 47 % dos participantes indican que non recibiron tarefas adaptadas durante o confinamento, que non reciben material dos especialistas, ou que non existiu comunicación individualizada. O 63 % di non ter recibido orientacións de como apoiar ao alumno-a durante o confinamento no seu traballo escolar. Porcentaxe que se incrementa até o 74 % cando falamos de acompañamento en ámbitos afectivos non académicos.
As diferentes enquisas que indicamos, con diferente grao de participación concordan todas no mesmo resultado: houbo unha ampla porcentaxe do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que non foi atendido do xeito individualizado que precisan dende o 12 de marzo pasado.
Máis aínda, o propio profesorado indícanos maioritariamente que non recibiron indicacións específicas para abordar a diversidade durante este proceso; e que detectaron unha porcentaxe importante de alumnado con estas características que permaneceu desconectado.
A razón desta demanda de traballo á Valedora do Pobo, unha institución que valoramos e respectamos particularmente, como forte defensora da igualdade das persoas, e con quen xa temos traballado noutras ocasións, é o desexo desta Confederación de que se estude o que aconteceu, e continúa a acontecer, durante a suspensión das clases do curso 2019-2020 en canto ao tratamento que se lle deu á diversidade dentro do alumnado galego, nomeadamente a todo aquel que tiña recoñecidas necesidades específicas de apoio educativo, pero tamén a todas as circunstancias que agromaron coas novas eivas e problemáticas que o estado de alarma trouxo de seu.
Nós detectamos tres circunstancias previas que contribuíron enormemente ao abandono manifesto da atención específica: a escasa atención previa que se lle prestaba a este alumnado no que ten que ver coa adaptación de materiais, currículos e fórmulas de aprendizaxe; a escasa formación que toda a comunidade educativa -profesorado, alumnado e familias- tiñamos sobre a escola non presencial e a incorporación das tecnoloxías na vida cotián do alumnado, e o limitado número de especialistas -audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica, equipos de orientación- como pauta xeral nos centros educativos galegos.
Existen tamén evidentes eivas ambientais como a existencia contrastada de amplas zonas de escuridade dixital no noso País. Económicas, como a inexistencia dunha educación gratuíta que teña garantido previamente o correcto acceso de todo o alumnado a todos os medios educativos precisos. Participativas, como a debida colaboración e coordinación permanente entre familias e Escola, que terían resolto, de existir, unha boa parte das desconexións estruturais que se produciron nestes meses. E por suposto emocionais, como consecuencia de concibirmos a escola unicamente como transmisor de coñecementos académicos, no canto de a valorar dentro dun contexto máis amplo de crecemento persoal e formación do individuo.
Pero A EIVA con maiúsculas desta pandemia, no mundo educativo galego, foi o traballo non feito pola Consellaría de educación, universidade e formación profesional: a falta de directrices claras, de instrucións concretas, a incríbel falta de mención permanente da obriga de atender a diversidade, pero sobre todo a evidente falta de medios específicos para traballar nesa atención, provocaron que haxa neste momento unha parte moi significativa do alumnado galego que ten perdido este curso académico, e que, o que aínda é peor, ten perdido o seu vínculo cunha escola que non o atendeu do xeito que ten dereito a esixir.
Atender á diversidade non é nin moito menos un capricho da modernidade; non é algo que poidamos facer en tempos de bonanza e que poidamos esquecer en tempos de necesidade; non é unha obriga da riqueza, nin algo prescindíbel canto os tempos son difíciles. A atención á diversidade é unha obriga legal, un dereito que todas temos a sermos consideradas como merecentes da mesma atención que o resto das nosas compañeiras de vida, traballo e formación; desa mesma atención que precisa dunha corrección constante para garantirnos non o mesmo camiño senón a mesma meta, que sempre será o máximo das nosas capacidades, ilusións e opcións.
Neste tempo, neste País, privouse a moita xente deste dereito e temos que o resolver, porque estes tres meses perdidos non poden ser un lastre para o futuro, cousa que tamén deberiamos entender que comparte a propia Consellaría de educación quen indica, nas mesmas instrucións do 27 de abril:
Directriz 10.2. A programación do curso 2020-2021 deberá adaptarse a estas circunstancias. Deberán adoptarse as medidas necesarias de atención á diversidade, individuais ou grupais, orientadas a responder ás necesidades educativas concretas dos alumnos e das alumnas e á consecución dos resultados de aprendizaxe vinculados ás aprendizaxes imprescindibles, que a situación excepcional do curso 2019-2020 lles dificultase adquirir.
Mais logo desas boas intencións, que fican nunha excelente redacción, non hai nada palpábel ata é o momento; e iso é o que nós preguntamos agora, e o que queremos que a Valedora tamén pregunte:
Como se vai garantir esa adaptación?, cales son as medidas concretas que van asegurar esa atención ás necesidades concretas do alumnado que non puideron verse atendidas neste curso que xa remata? Que se vai facer por parte da Consellaría?, con números, datos, presupostos, proxectos, instrucións e seguridades para que o noso alumnado galego non teña que ver estes tres meses do ano 2020 como os que remataron, ou como mínimo retrasaron, as súas opcións de ver “superada calquera discriminación” e de ter no Ensino Público ese “elemento compensador das desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais, con especial atención ás que se deriven de calquera tipo de discapacidade” tal e como indica a nosa Lei Orgánica de Educación.