XORNADA: A DIXITALIZACIÓN NA ESCOLA A ANÁLISE
O pasado sábado 24 de febreiro, a Confederación de ANPAS Galegas celebrou en Vigo un encontro para falar sobre o a dixitalización do ensino.
Tras unha intensa xornada de debates e reflexións, extraéronse conclusións fundamentais que poñen de manifesto que estamos ante un dos principais retos para a comunidade educativa na actualidade.
Un dos puntos crave que emerxeu dos relatorios e discusións foi a necesidade de abordar a dixitalización nas escolas como un desafío compartido por toda a comunidade educativa e a sociedade en xeral. As friccións e resistencias que xorden da súa implementación deben ser abordadas de maneira colectiva, involucrando non só aos profesionais da educación, senón tamén ás familias, alumnado, administracións, empresas e medios de comunicación. É esencial evitar o sensacionalismo e promover un debate informado e equilibrado sobre este tema crucial.

Principais Conclusións
- Transformación Dixital Equilibrada: A dixitalización nas aulas debe ser considerada con cautela e equilibrio, evitando discursos polarizados. A súa implementación non necesariamente implica a desaparición doutros recursos didácticos, pero debe estar en sintonía coa evolución da sociedade na que vivimos, da que forma parte a escola e para a que esta forma e educa.
- Modelo pedagóxico: O problema non é usar pantallas e dispositivos tecnolóxicos, senón o contido que hai detrás delas e o uso que se fai dos recursos que conteñen. Aprender con tecnoloxía para reproducir vellas prácticas pedagóxicas non supón innovación. Os recursos deben estar ao servizo dun proxecto formativo e non ao contrario.
Os recursos dixitais poden estar ao servizo da inclusión, a diversidade do alumnado, e a equidade, pero tamén poder servir para reproducir vellos modelos e perpetuar a brecha dixital e entre familias. - Un proxecto de escola: A dixitalización do ensino require formación, inversión tecnolóxica e pedagóxica, contar con recursos dixitais de calidade, ter un proxecto, e unha ruta clara de a onde queremos chegar, nunha perspectiva macro ( desde a política educativa) e nunha perspectiva micro (desde os centros) , contando con toda a comunidade educativa
- Reflexión Crítica: É necesario realizar unha reflexión crítica sobre a dixitalización nas escolas, abordando problemas como a formación do profesorado, os riscos asociados ao uso indiscriminado de dispositivos por parte do alumnado, a falta de estratexias de xestión por parte das familias, o papel das empresas editoriais e tecnolóxicas, e o modelo pedagóxico que está detrás deses recursos dixitais.
- Recomendacións Prácticas: Presentáronse recomendacións e pautas prácticas para o uso responsable das novas tecnoloxías na aula e no fogar, destacando a importancia do exemplo das persoas adultas, o coidado no uso de redes sociais e a promoción dunha visión crítica entre o alumnado sobre o contido en liña.

En Resumo
A dixitalización na educación expón desafíos e responsabilidades para a sociedade actual. A tecnoloxía debe entenderse como un medio no ensino e non como un fin en si mesmo.
ANPAS Galegas insta á comunidade educativa e á sociedade en xeral a continuar o diálogo construtivo e tomar medidas para unha integración efectiva da dixitalización no ensino, priorizando o desenvolvemento integral e o benestar do alumnado, a equidade, a inclusión e a xustiza social, para por ao servizo da escola que queremos a tecnoloxía.
Evento retransmitido en streaming a través de YouTube
Esta xornada retransmitiuse a través da canle de YouTube de ANPAS Galegas, polo que se pode visualizar nesta ligazón.