Presentación da Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza
Esta mañá estivemos en Compostela, na praza de Mazarelos, diante do que foi até hai pouco a Facultade de Filoloxía, onde Carvalho Calero impartiu aulas como primeiro catedrático de lingua galega da universidade galega, alí presentamos a Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza realizada de xeito conxunto pola Mesa pola Normalización e movementos de renovación pedagóxica, a Confederación ANPASGALEGAS e organizacións sindicais.
Para nós foi todo un orgullo estar presentes, xunto co resto das organizacións participantes, nun acto reivindicativo do papel principal que a nosa Lingua debe ter no Ensino Público Galego, e así o dixemos nese momento: estamos aquí as familias galegas, defendendo o uso da Nosa Lingua xunto co resto da comunidade educativa, para que non se fale do Galego no Ensino só dende o punto de vista académico; senón para que se entenda que o único xeito de manter a lingua de noso, na que todo se pode facer, e todo ten que facerse, é transmitila á xente moza para que elas sexan as novas falantes e garantes da nosa cultura. As familias galegas estamos cansas de entregar á escola ás nosas fillas e fillos galego falantes e que, por volta dunhas poucas semanas, nolas devolvan falando en castelan, “falando ben”, tal e como dicían as nosas avoas hai moitos anos presionadas pola ditadura. Hoxe non hai máis razón para perdermos falantes que o desleixo das nosas autoridades na defensa do noso patrimonio cultural e a nosa identidade lingüística. E agradecemos enormemente poder dicilo en público e tan ben acompañadas como estivemos onte en Compostela.