Alegacións ao borrador da orde de desenvolvemento do decreto 229/2011 que regula a atención á diversidade
Dende a Confederación ANPAS GALEGAS, ademais das propostas que enviamos no documento do borrador da Orde de Atención á Diversidade, e que se adxunta, queremos propor as seguintes consideración que se deberían ter en conta:
- A atención á Diversidade ten que estar regulada tanto nas ensinanzas de réxime xeral como nas ensinanzas de réxime especial pois está presente ao longo do sistema educativo. Consideramos que teñen que ser atendidas SEMPRE e, de igual forma, tamén teñen que estar reguladas.
- Inclusión. É un termo que se repite na orde moitas veces e ata pode parecer contraditorio xa que entendemos que cando se “inclúe” é porque está “fora”. Sen embargo, temos claro que todo o alumnado tendereito á educación e, polo tanto,a atención á diversidade tamén ten que ser parte do sistema educativo.
- Tal e como se indica na orde é importante detectar as necesidades para poder darlles atención da forma mais rápida posíbel. Se indican os pasos que hai seguir pero sempre pensando que as necesidades se detectan no propio centro e non se ten en conta a ese alumnado que accede a un centro educativo e xa ten recoñecidas as necesidades. Somos conscientes que a burocracia é interminable cando as necesidades e a atención non pode esperar por trámites. Hai que garantir que o alumnado dende que se detectan e/ou informa ao centro educativo das necesidades as medidas a tomar teñen que ser inmediatas.
- A escolarización en centros ordinarios ten que ser a norma e unha modalidade distinta terá que estar moi xustificada. Se as familias rexeitan unha modalidade distinta á ordinaria, este rexeitamento debería ser vinculante.
- A Atención á Diversidade en toda a normativa está centrada na aula e tamén se debería considerar outros espazos: comedor, tempos de lecer, transporte, actividades, …
- Na orde se presenta a aula de convivencia como un “aula de castigo” e non se ten en conta as características do alumnado. Moitas veces un alumno ou alumna pode presentar conductas disruptivas mesmo porque non entende algo e se frustra e isto non se soluciona con “aulas de castigo” senón con pautas, traballo dentro da aula ou empatía.
- As familias somos unha parte importante pois somos quen convive co alumno ou alumna e quen pode aportar moita información relevante que pode servir de axuda á hora de poder traballar con este alumnado. Do mesmo xeito, tamén teñen que ser partícipes das decisións que se tomen respecto as súas fillas e fillos.
- En relación á rateo do profesorado especialista e tamén dos orientadores, penso que o criterio non debería ser o número de alumnado con necesidades, senón as necesidades en si mesmas, que ademais poden variar ao longo do tempo.
- O alumnado, unha vez que acaba o sistema educativo obrigatorio ten o dereito a poder continuar os estudos post obrigatorios de bacharelato e, polo tanto, a atención á diversidade tamén se debe ter en conta nesta etapa.