5 de xuño, día mundial do medio ambiente
Semella ás veces que o Medio Ambiente é algo que temos que coidar dun xeito externo, hai que facer rituais, actividades escolares, proclamas e saúdos a algo que non é mais, nin menos por certo, que o único lugar onde é posíbel a nosa vida, e a vida de todas as demais con quen compartimos o tempo. O medio ambiente cóidase con actos cotiáns, co respecto á terra, porque vivimos dela, ás augas, porque son a nosa vida líquida, ao resto dos seres vivos que veñen canda nós no tempo, porque para que o respecto volva hai que dálo antes.
E non sexamos parvas, defender o medio é sinxelamente coidalo no día a día, vivir pendentes da súa atención, e ser críticas con todos os despropósitos económicos que pretenden privarlle de futuro. Porque o lugar onde vivimos non é noso, herdámolo e temos que deixalo en herdanza, tan ben como nolo deron ou mellor aínda, esa é a nosa obriga, e ese é o dereito das nosas fillas e fillos.