ANPAS Galegas participou no coloquio Smoke Talk sobre espazos sen fume de tabaco
O pasado 31 de maio estivemos na Coruña, invitadas pola AECC que celebraba outro día sen tabaco.
Sen saúde non hai nada. As crianzas deberan xa estar vivindo nun mundo sen fume, ou polo menos nun mundo co fume do tabaco en extinción, e non é así, e algo facemos mal as maiores, e moi mal as administracións que deixan que todo suceda pasivamente.
Na mesa redonda Smoke Talk, coloquio sobre espazos sen fume de tabaco estivemos a Confederación de ANPAS Galegas, un médico e un enfermo recuperado de cancro de larinxe. Falamos durante case dúas horas de porqué a nosa xuventude continúa fumando, e mesmo repunta no consumo; de como as normativas e as prohibicións están agora mesmo más relaxadas que nunca, de cales poden ser as solucións a un problema que volve a desbocarse a cada pouco.
E as respostas foron sinxelas, e nós concordamos:
- Hai que subir o prezo ao tabaco, pero moito.
- Hai que cumprir a normativa, e facelo con rigor e seriedade.
- Hai que ofrecerlle á xuventude unha mensaxe real con outras opcións de diversión que non inclúan ningún tipo de drogas.
- Hai que ofrecer, á par, os medios, as infraestruturas, e o acompañamento necesario para que esoutras opcións de diversión poidan ser algo tanxíbel e utilizábel.