COMEZA O PRIMEIRO CURSO LOMLOE
E comeza tamén o primeiro curso sen restricións COVID, e o primeiro curso no que poderemos volver a entrar nos centros escolares con normalidade. Comeza un curso sen grupos burbulla, sen alumnado aterecido pola excesiva ventilación e sen fregados de mans que se revelaron ineficaces, pero que había que facer porque a ignorancia fainos facer cousas moi estrañas e hai que comprendelo.
Comeza un curso que debera vir cheo de ilusión pola recuperación de comportamentos e valores, que tiña que ser gorentoso na súa simple normalidade, un curso para recuperar as relacións, a cordialidade e a vida en común, e tamén para facer fincapé na atención emocional as mozas e mozos que levan dous anos de excepción e comportamento exemplar na dificultade.
Debera tamén ser positivo comezar a andaina dunha nova Lei que veu eliminar á lamentábel normativa que a precedeu, e que trae de propio a intencionalidade doutro ensino diferente, outro ensino no que se fala de apoios, de detección precoz de necesidades, de igualdade, de respecto ao medio ambiente, de atención á diversidade, de dereitos da infancia, de non discriminación por ningún aspecto, de equidade, de valores “que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, así como que axuden a superar calquera tipo de discriminación”.
Mágoa que eses valores, todos eles, teñan unha única maneira de materializarse: habendo nos centros persoal abondo como para que sexan realidades prácticas e non letras nun texto legal.
A realidade sempre é teimuda, e nós, as familias galegas, sabemos ben do que estamos falando; e falamos de que onde non hai profesorado de apoio, non hai apoios; de que onde non hai a posibilidade de escoller calquera opción, non hai igualdade; de que onde non hai profesionais dispoñíbeis, non hai atención á diversidade; de que onde non hai desdobres, ou posibilidade de titorías ou clases máis personalizadas, non hai xeito de axudar a quen non dá avanzado á mesma velocidade que o resto.
Nós, as ANPAS GALEGAS, sabemos que os números da consellaría son falsos, e non só porque sexan números fríos que nos ofrecen sen darnos a opción a contrastalos (medo teñen a que o fagamos, por iso se ocultan); senón porque nós si estamos todos os días vendo o que ocorre nos centros, coñecendo de primeira man ata que punto a escola é moitas veces unha trampa para aquelas nenas e nenos que teñen calquera dificultade, comprobando como non hai xente abonda como para ser quen de dar resposta aos problemas que xorden no día a día; mesmo sabendo que un problema non atendido é unha persoa que está perdendo oportunidades de futuro.
Non serve de nada termos unha Lei que fala de equidade, se logo a consellaría de educación teima ano tras ano en recortar medios e persoal aos centros escolares galegos. Do mesmo xeito que non serve de nada falar de defender ao rural galego, se logo os feitos din que os recortes son máis duros alí onde máis feble é o tecido social e produtivo, porque é onde o peche dunha aula, ou dun centro escolar, pode traer -e acaba sempre traendo- a desaparición dunha aldea e a deslocalización da súa xente.
Nós queremos un ensino de calidade, igual para todas as galegas e galegos, que forneza ás nosas nenas e nenos dun futuro que sexa tamén futuro para o País e toda a nosa xente.
E para iso, señoras e señores da Xunta, fai falta ser xeneroso ao gastar, intelixente ao planificar e serio ao informar do que se pretende.
Porque dos recortes só ven a miseria, e ese é o peor camiño que podemos percorrer.