DIAS DAS LETRAS GALEGAS 2023
En galego aquí e agora!, ese é o lema co que a plataforma Queremos Galego convida á cidadanía, e a nós con ela, a participar das marchas do 17 de maio próximo; e tamén logo é o lema co que nós convidamos a todas as familias galegas a estar en Compostela agarimando á nosa lingua no seu día.
Reclamar o uso e a defensa da nosa lingua é algo tan obvio para nós, tan evidente, que moitas veces nin sequera sabemos como explicalo a quen non é quen de velo así. Non explicamos como respiramos, como vivimos, como amamos, como logo imos explicar como expresamos, como comunicamos, como partillamos co resto do mundo?, como é posíbel dicirlle a outra persoa que non quere entendelo, canto de nós está en cada verba e cada frase? .
Para este 2023, logo de tantas veces nas que falamos de amor e identificación, de seguranza no propio, de acubillo vital, de berce existencial, que todo iso é o galego para quen somos, ou queremos ser, galegas de ben, e aínda moitas cousas máis, todas elas necesarias e fabricadoras das nosas persoas e as nosas vidas; para 2023 imos dicir que o galego é a nosa compaña permanente, a base sobre a que nos movemos, e o lugar onde habitamos en harmonía.
Porque agora, e aquí, hai xa demasiada xente que pensa que quen falamos galego temos un posicionamento ideolóxico, que pretendemos dar unha mensaxe política, que “actuamos” cando falamos, e iso é falso, é cómpre dicilo: quen falamos galego de acotío facémolo porque é a lingua que sae de nós cando amencemos cada día, porque é como debuxamos a nosa realidade, é como queremos conversar co mundo, co noso e tamén co de fóra, é como chamamos á nosa xente, e como agarimamos ás nosas fillas e fillos e ás nosas maiores.
Quen falamos en galego facémolo porque é o que di de nós quen somos, é o xeito de nós andar e vivir. Sabemos que damos unha mensaxe, pero non é a mensaxe o obxectivo, porque o obxectivo é manter o que nos deron, o que milleiros e milleiros de mulleres e homes ao longo da historia teceron para nós nun lenzo eterno de vida. Falamos en galego porque vimos de xente que así o facía, porque cando o facemos, estamos homenaxeando a todo o noso fío no tempo, porque así mantemos un pasado que ensarillamos co futuro que construímos.
Falade en galego, boa xente, porque é como aquí se fala, e é como aquí entendemos a vida.
Feliz 17 de maio a todas as galegas de ben, ás que falan coma deben, e ás que están querendo facelo e aínda non se permitiron ese agasallo; e feliz 17 de maio tamén ás que pensan que poden non falalo, este é o noso día grande, e no día grande ábrense as portas para que calquera vexa o noso orgullo e a nosa forza.
En galego, aquí e agora!