Aberto o prazo de preinscrición no II Concurso Audiovisual ANPAS GALEGAS – Somos Rural (Curso 2023/2024)
Desde a Confederación de ANPAS Galegas abrimos de novo as portas á creatividade e a valorización do patrimonio rural co lanzamento do seu II Concurso Audiovisual ANPAS GALEGAS – Somos Rural, co que se busca destacar a riqueza cultural e natural de Galicia a través das lentes do alumnado galego.
A II Edición do Concurso Audiovisual “Somos Rural” anuncia oficialmente a apertura do prazo de preinscrición, que se estenderá do 10 ao 25 de novembro de 2023. Este evento, gratuíto e dirixido a estudantes de centros educativos públicos de toda Galicia, busca potenciar a creatividade e a conexión co patrimonio rural galego.
Cómo participar?
Os interesados poden participar cubrindo o formulario de preinscrición dispoñible na web oficial do concurso: https://somosrural.anpasgalegas.gal. A preinscrición é o primeiro paso para formar parte deste certame que ofrece un escenario único para expresar a visión e o aprecio pola nosa contorna rural.
Prazo de Presentación de Proxectos
Unha vez realizada a preinscrición, as equipas recibirán unha resposta da organización indicando se foi aceptada a súa solicitude. Nese caso, disporán ata o 30 de marzo de 2024 para presentar os seus proxectos audiovisuais. Este prazo permite aos participantes planificar e executar os seus traballos con coidado e dedicación.
Quen Pode Participar?
O concurso está aberto a alumnado de centros educativos de infantil, primaria, secundaria, bacharelato, FP básica e FP de grao medio. Admítese tamén a participación de escolas municipais e conservatorios profesionais de música públicos, sempre que o alumnado estea cursando estudos nas etapas mencionadas.
Xurado e Premios
O xurado, composto por representantes de ANPAS Galegas e federacións asociadas, valorará aspectos como a creatividade, a diversidade, e a promoción do patrimonio galego. Todas as equipas recibirán diplomas pola súa participación e terán a oportunidade de expoñer as súas obras na web oficial do concurso. O mellor proxecto recibirá un premio único de ata 800 euros para unha actividade extraescolar.
ANPAS Galegas convida a toda a comunidade educativa a participar nesta iniciativa única, que non só promove a creatividade, senón tamén a conexión co noso patrimonio e a súa posta en valor.
Para máis información e detalles sobre as bases legais do concurso, visita https://somosrural.anpasgalegas.gal. Participa! Presume de rural!