Que opinamos en ANPAS GALEGAS en canto á redución de ratios de alumnado
Levamos semanas vendo aos medios de comunicación falar dun acordo da consellaría de educación cunha parte dos sindicatos de ensino na que se abordan certas cuestións que inciden na vida laboral do profesorado, e nós aí non temos nada que dicir. Poderiamos, porque ao final dun xeito ou doutro todo vai enriba das nosas fillas e fillos, pero non queremos facelo porque a relación laboral da Administración co profesorado é algo moi respectable para nós.
Poderiamos falar tamén do curioso feito, demostrado estes días nas rúas, de que a Administración non estea a negociar con todos os sindicatos, ao que se ve, senón só cunha parte da súa representación, pero iso tamén imos a silencialo neste momento; porque xa as propias organizacións están facendo cumprida demostración do seu descontento.
Pero do que non imos deixar de falar é da importancia que ten para nós que nese acordo se estea a falar de cuestións que non son laborais, que nos afectan, esas si dun xeito directo, a todas as familias, e que pertencen ao grupo das reivindicacións históricas das Anpas Galegas: as ratios nas aulas, ou, o que é o mesmo, a atención correcta ás nosas fillas e fillos dentro dos centros escolares.
Por unha parte, declaramos como enormemente lamentábel que a Administración continúe considerando que as nais e pais deste país somos simples sufridoras das decisións que se tomen, ben sexa unilateralmente, ben sexa dun xeito coordinado cunha parte reducida da comunidade educativa. Nós non só temos unha opinión, que está aí é é moi clara sempre. É que ademais somos as únicas defensoras dos dereitos das nosas fillas e fillos, falamos por nós e tamén falamos por elas. Non nos move máis interese que o de mellorar a calidade de vida presente e futura das xeracións futuras, nin cobramos nin recibimos nada por facer este traballo. Pero facémolo, e esiximos a consideración que ese traballo merece. Que se nos escoite e considere neses debates é o noso dereito.
E por iso non queremos deixar de falar do tema en concreto: é inadmisíbel que a Administración galega, que leva ano tras ano recortando e limitando o número de docentes nas aulas, que este mesmo curso que estamos comezando negou sistematicamente o número desexábel de docentes en moitos centros escolares, veña agora a facer propostas de acordo que non fan outra cousa máis que reflectir o descenso demográfico da poboación estudantil galega, sen ter efectos prácticos positivos que poidamos ver agora, que é cando fan falta.
É imprescindíbel que haxa menos alumnado nas aulas do noso País, que a cada alumna lle toque unha proporción de maior dedicación da docente que lle corresponda, non podemos
que a atención á diversidade –que precisa sobre todo tempo de apoio para ser efectiva- estea invalidada polas ratios excesivas que padecemos; é insoportábel que, ano tras ano, a reorganización orzamentaria do ensino galego se leve por diante a outras docentes máis, aínda que logo se falseen as estatísticas para facer crer a poboación que iso non é certo.
Claro que vemos positiva a redución de ratios porque o consideramos un punto de partida, pero só nesa medida. A redución de ratios é urxente, e ten que ser universal en todo o sistema educativo galego non universitario. Nin sequera, aínda que se implantara mañá mesmo o que ese acordo atrasa a prazos sen detalle, sería unha redución abonda para resolver os problemas que este mesmo goberno ten causado coa súa política de recortes sen límite. Pero é que ademais, do que estamos falando agora mesmo é de que ningún estudante dos que agora están no sistema educativo galego, teña tres ou dezaoito anos, se vai beneficiar dese acordo do que tanta publicidade se está a facer nos medios.
A opinión das familias é clara e rotunda, non entramos en cuestión laborais, pero entramos a fondo no que lle afecta ás nosas fillas e fillos: esiximos que a redución de ratios sexa real xa para o curso próximo, que afecte por un igual a infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, e que haxa un compromiso da administración educativa de que non se vai pechar ningunha aula nin reducir ningún cadro de persoal nos centros escolares galegos nun próximo futuro. Porque nun Ensino Público como o que queremos non todo é docencia, pero sen as docentes necesarias é imposíbel desenvolvelo.