Solicitamos á Consellería un protocolo de actuación unificado de atención á diversidade dende infantil ata as probas da ABAU
Un cambio na atención á diversidade, por favor.
A semana pasada, remitimos desde ANPAS Galegas un escrito á consellaría de educación -que se pode consultar aquí– no que facemos unha reflexión sobre o camiño que andan moitas familias galegas durante a vida escolar das súas fillas e fillos cando estes teñen informada e diagnosticada unha situación de necesidades educativas especiais.
Como é posible que aínda hoxe, unha familia teña que estar constantemente chamando a todas as portas para procurar a atención para unha filla/o do que o sistema xa ten coñecemento, e do que debería existir un camiño organizado de atención?. Como é posíbel que teñamos que, practicamente, volver a comezar en cada cambio de curso, de etapa, de centro, ou de grupo ou de docente en moitas ocasións, porque o sistema non ten establecido un procedemento de traspaso de información?.
Nunca trataremos correctamente a diversidade mentres non entendamos que a súa existencia ten que ser normalizada dentro da vida social, e neste caso dentro da vida escolar, porque o alumnado diverso está aí, dentro dos centros e das actividades, nas aulas e nos espazos comúns, e se continúa sendo invisible é porque o sistema consente as actitudes de inacción na súa atención e coidado.
A atención á diversidade é, ao mesmo tempo, o que sempre ten na boca o conselleiro como un -falso- logro do seu traballo, e unha das eivas máis fondas do sistema educativo galego. Neste escrito que presentamos nós xa nin imos tan aló como para falar do amplo e desexable concepto de atención á diversidade, quedamos antes, por ver se conseguimos polo menos algún pequeno cambio real: que a diagnose dun alumno o acompañe como unha defensa durante toda a súa vida escolar, e que todo actúa en consecuencia sen que teñamos que pelexar cada paso e loitar contra cada negativa. Nin máis, nin menos.
Este é o escrito que presentamos: