EN QUE SE VEU CONVERTENDO ISO DA ATENCIÓN Á DIVERSIDADE?
No mundo actual temos un xeito moi práctico de desfacernos dos problemas, dámoslles un nome atractivo, convertémolos en “proxectos sociais”, dicimos varias veces que son algo transversal que non cómpre enfrontar dende perspectivas parciais, lembramos darlles unha cota de participación nos discursos …
E logo, feito todo iso, ignorámolos.
Nese leito seco van morrendo todas as grandes ideas, sobre todo aquelas que precisan vontade de cambio para desenvolverse. Ás veces non morren de todo, só enferman de gravidade, teñen ocasionais momentos de mellora nos que se pare unha lei, un protocolo, ou mesmo se avanza algo. Mais tamén teñen empeoramentos drásticos, sobre todo en tempos de dificultade económica, cando aparecen as voces que din que se hai que sacrificar algo, ese algo terá que ser sempre o estraño, o que nos faga pensar e implique cambios.
Das moitas realidades que podiamos estar metendo neste saco áspero da hipocrisía colectiva, quizais a máis dura sexa a atención á diversidade. É dura porque é omnipresente, igual que é omnipresente o seu esquecemento. É dura porque condena a unha vida insuficiente a moitas de nós, sen que haxa un beneficio real para ninguén. É dura porque representa a perda da posibilidade de vivirmos nun mundo moito máis gorentoso e doado. É dura porque representa máis ca nada a triste realidade de que os seres humanos somos o peor inimigo de nós mesmos.
Que é ser diverso?
Ser diverso é ser unha persoa máis, é ser característico, ser propio de noso, ser calquera, ser quen somos, ser como somos. Ser diverso non é máis ca ser humano e transitar polo mundo no noso espazo vital, contaxiándoo dunha mirada que o abre e o dignifica. Ser diverso é ser persoa. Negar a diversidade é ser malvado e parvo.
Todas somos diversas, certo, punto, acabouse, é así. Pero non todas as diversidades teñen as mesmas consecuencias. Nun mundo cada vez máis debuxado en grandes patróns, hai moita xente que entra con relativa facilidade nos estándares aceptados. Hai outra, moita tamén, que entra quizais con algo menos de folganza, apertando algo as costuras da máscara de cada día. Mais tamén hai outra, e tamén é moita, que non é quen de se pór o traxe aceptado no grupo. E a partir de aí podemos ir establecendo todas as categorías de incomodidade que poidamos concibir. Ata que cheguemos ao punto no que a vida é imposíbel, no que a felicidade non é xa un obxectivo, porque a supervivencia ocupa todo o tempo dispoñíbel.
“…quizais non haxa que falar de “atención á diversidade”, senón comezar a falar da desatención que padecen moitas persoas que están nesa permanente costa de baixada aos infernos na que se converte unha vida sen o apoio, a comprensión e a conivencia necesaria.”
Ogallá puideramos dicir que cando falamos de atención á diversidade estamos falando, ou negándonos a falar, dese gran concepto da riqueza colectiva que supón a convivencia coas demais, tal e como sexan. Ogallá, porque significaría que xa teriamos dado todos os pasos previos que nos levaran ata ese punto. Pero non é así. Estamos moi atrás, e quizais haxa que deixar os nomes atractivos e os discursos ocos, quizais non haxa que falar de “atención á diversidade”, senón comezar a falar da desatención que padecen moitas persoas que están nesa permanente costa de baixada aos infernos na que se converte unha vida sen o apoio, a comprensión e a conivencia necesaria.
Nun mundo en constante evolución, a diversidade é un valor que enriquece a nosa experiencia colectiva. Cadaquén de nós é unha persoa única, cunha historia, unha personalidade e unha perspectiva diferente que contribuirá sen dúbida á riqueza social. A diversidade non é algo que debemos tolerar -dicir iso é case un insulto de lesa humanidade-, é realmente algo que debemos celebrar, xa que é o que nos permite aprender, medrar, continuar, mellorar. Quen pode concibir un mundo chan, no que ninguén presente variacións ao que existe?, como imaxinar unha nova solución se non temos un novo reto?.
Porén, cando alguén, unha persoa, un colectivo, unha clase política, un discurso, se nega a aceptar a diversidade non só está impedindo o avance e a felicidade colectiva. Está directamente causando dor, impedindo vivir, a aquelas persoas que deberan estar sendo opadas nos ombreiros da sociedade para chegar a onde quizais soas non poidan chegar. Pero, quen pode?.
“…cando negamos a unha persoa os apoios que precisa, estámoslle coutando a vida, estamos actuando activamente para ser un atranco na súa existencia.”
Nós traballamos para que a xente nova teña futuro. Non hai outra razón para o noso esforzo. Queremos que vida que lles quede ás nosas fillas, e a todas as que van con elas no tempo, sexa mellor, e que cada quen colla ese “mellor” como máis guste de imaxinalo, como queira. Pero que o colla para todas.
Por iso, parécenos especialmente atroz, realmente malvado, o tratamento que estamos facendo, xa centrándonos no sistema educativo público galego, das necesidades daquelas alumnas e alumnos que, pola razón que sexa -porque todas, absolutamente todas, son igualmente merecentes de coidado-, non poden chegar polos seus propios medios aos lugares onde si poderían chegar cos apoios, moitas veces moi sinxelos, moitas veces moi pequenos, aos que teñen dereito.
E isto é importante, quedémonos aí: cando negamos a unha persoa os apoios que precisa, estámoslle coutando a vida, estamos actuando activamente para ser un atranco na súa existencia. É necesario dicilo moi alto: non atender a esas necesidades reais dunha parte da poboación, é ser directamente responsábeis do que lles ocorra. Non hai neutralidade no tratamento da diversidade, ou apoias ou estorbas, sen termos medios.
E aí estamos, estorbando as máis das veces, as familias, o profesorado, a administración, as propias compañeiras e compañeiros. Mesmo en moitas ocasións coa escusa perfecta da non discriminación das demais, que é unha das máis perversas explicacións da inacción. A quen lle roubamos oportunidades cando llelas damos a quen as precisa?, a quen discriminamos cando avanzamos un paso a quen vai máis lento?, quen perde o tempo cando llelo dámos a quen o necesita?.
A desatención á diversidade no ensino público
Na nosa realidade, na escola, son as familias desas nenas e nenos quen viven en carne propia a loita desafiante, e moitas veces desesperante, para garantir que se respecten os dereitos das súas fillas e fillos, para que o sistema lles abra as portas que antes lles pechou. Durante o tempo que dura a escolarización das nosas crianzas, a meirande parte das familias con fillos e fillas que precisan apoios, pasan unha gran parte do seu tempo loitando pola efectividade duns dereitos que veñen contemplados nas leis e protocolos de atención á diversidade e que o sistema educativo debera garantir, pero que é o propio sistema educativo quen se encarga de entorpecer.
A realidade é que todo está en mans da voluntariedade de persoas concretas, xa nin falemos de profesionais. É incompresíbel, pero certo, ata que punto unha persoa con necesidades específicas pode andar un camiño no deserto mentres se lle pechan todas as portas, por ignorancia, por maldade, por estupidez, as máis das veces por unha mestura absurda de todas estas cousas.
O paso dunha crianza con necesidades especiais polo sistema educativo público galego, do privado nin falamos porque non existe neste ámbito máis aló do posíbel negocio de determinados tratamentos, é unha carreira de obstáculos que se vai facendo máis e máis complexa segundo avanza o tempo no que se participa dun sistema realmente mediocre e mal organizado.
Podemos comezar pola dificultade de que o sistema acepte a diagnose inicial desa nena ou neno, pola manifesta estupidez dunha administración educativa que pon en mans de xente sen a formación necesaria a toma de decisións sobre algo que moitas veces xa ven detectado dende fóra. Unha diagnose correcta e precoz son anos de vida gañados. Os debates do tipo “eu non o vexo”, que escoitamos todos os días, non son máis ca unha perda de tempo. Que vas ver, se non sabes?, que vas ver, se non estás preparada?. Ou, que é aínda peor, por que me dis que non ves, se o que realmente pasa é que non tes os medios para facelo, e non te atreves a reclamalos ?
E cando por fin chegamos -as que chegan- a onde xa estabamos nun principio, pero bendicidos por todos os papeis e todos os informes, cando xa perdemos tempo e tempo esencial para a evolución do apoio. Cando por fin chegamos aí, topamos de fronte co dereito auto adquirido de moitos outros elementos do sistema que se cren coa capacidade de dicir “eu non o vexo”, de novo. Ou que pensan que poden ter algo que opinar no xeito de tratar o que teñen informado por quen sabe máis ca eles. Atopámonos todos os días con centros escolares que negan as adaptacións necesarias ao alumnado que as demanda, que rexeitan ás familias que reclaman desesperadas que se faga o que moitas profesionais lles dixeron que había que facer, non o que opinamos nós das nosas fillas e fillos, que ese é outro debate que quizais deberamos dar, pero que aínda está moi lonxe e é menos importante. Non, o que esiximos é que se faga caso a quen sabe, que se considere palabra innegábel aquela que se diagnostica, que se traballe sen fisuras por un plan no que xa está todo dito. Que ninguén poida seguir dicindo, “eu non o vexo”.
Que ninguén poida seguir dicindo, “eu non o vexo”.
E continuamos, cada vez que esa nena, que ese neno, cambia de curso, cambia de docente, cambia de etapa. Cada vez que se enfronta a un novo centro escolar, a calquera varianza. Volvemos nós, as familias, non porque sexamos mellores, pero si porque somos as únicas valedoras reais das nosas crianzas, a iniciar outra vez un camiño que xa coñecemos, a volver a explicar o que está posto por escrito, a repetir informes, diagnoses, experiencias, a poñer cara de normalidade cando volvemos a escoitar: “eu non o vexo”.
E así continuamos ano tras ano. E cando conseguimos que remate primaria, onde mal que ben aínda hai algo de coidado ás crianzas que mostran unha maior diversidade -xa non imos falar das que mostran menos- , comeza realmente o calvario familiar: secundaria, FP, bacharelato. Un calvario que ten moito que ver co intención de apartamento das nosas fillas e fillos, co omnipresente consello, “e se fai unha FP?”, “quizais que faga o bacharelato sexa unha mala idea”, “home, a universidade vaille quedar un pouco grande, non?”.
Porque hai unha maldade máis; as persoas con necesidades seica non teñen dereito ao éxito, non teñen dereito ao estudo, aos títulos, a exercer profesións de afouteza e de responsabilidade. Pero non é certo, nada diso é certo. Se non lles puxeran atrancos dende a infancia, quizais agora non terían ningún apoio que demandar; se alguén os atendera, quizais xa non precisaran atención.
E seguimos, continuamos discutindo o que non é discutíbel, continuamos esixindo a adaptación dun exame, que non os movan de sitio porque os descoloca, que lles falen dun xeito concreto, que lles conten as cousas como eles as entenden, que haxa quizais un pictograma e non só un cartaz nas portas, que os integren en todas as actividades no lugar que poidan ocupar, que se programen as cousas contando con elas, con todas, con calquera. Que sexan parte do total.
A responsabilidade do cambio é do sistema
Pode semellar ata aquí que a queixa vai contra as persoas e non é así. Quen ten que fornecer todo o que se demanda é o sistema, a administración educativa, a política, a organización social. Todo ten que estar preparado para que, polo menos no nivel extremo do que estamos falando,- logo xa teremos tempo de falarmos da atención real á diversidade-, o difícil camiño de quen precisa axuda conte sempre con esa axuda dispoñíbel. Pero tamén para poder detectar, e modificar, os comportamentos lamentábeis que lles poden querer negar esa axuda por calquera das razóns que se lles ocorra esgrimir para xustificar a súa comodidade e estulticia.
E iso non se fai con discursos nin con palabras, nin sequera con artigos coma este, iso faise con organización, con conciencia de dereitos e coa responsabilidade das obrigas. Faise esixindo unha diagnose inicial real, unha continuidade na información do alumnado que precise calquera tipo de apoio que supere calquera cambio na súa vida escolar, faise forzando a formación específica de todas as persoas que teñan que se relacionar con calquera casuística da diversidade, faise entendendo -e facendo entender- que tratar diferente ao diferente é conxugar a igualdade do único xeito efectivo posíbel.
Porque o maior problema da diversidade é a pretensión de que sexas invisíbel, de que non molestes, ao pequeno grupo de miserábeis que pretenden negarte o teu absoluto e lexítimo dereito a vivir sendo quen es. Ao final, todo é moi sinxelo. Abramos as portas e preparémonos, porque todas estamos dentro do mesmo mundo.