8M. Día internacional da muller.
Imos conmemorar outro 8 de marzo, e o primeiro que se nos ocorre é que non atopamos grandes diferencias sociais co anterior 8M, ou co precedente. É ben triste.
O maltrato, o machismo, a discriminación e a violencia contra as mulleres e as nenas continúa a estar aí, en cada nova, nas cancións, nas aulas, no traballo, nas relacións e na sociedade. Tampouco esperabamos que desaparecese de súpeto, pero amola a lentitude nos avances, a simplicidade das propostas, os retrocesos.
Que está a pasar coa nosa sociedade? Por unha banda falamos de igualdade, de inclusión, da necesidade de traballar a convivencia, de resolver conflitos ou mellor, de intentar prevelos; por outra continuamos a repetir condutas que deberan estar superadas, algo está fallando.
O que contamos portas a fóra non é o mesmo que o que contamos na casa. O que se di no colexio non é o que se fai na rúa. Hai centos de charlas e obradoiros sobre igualdade (unha cantidade inxente de cartos, tempo e esforzo malgastados), traballos, murais, obras de teatro… todo tipo de actividades feitas, pero resulta que logo temos unha nena ou un neno distinto na aula e semella que falamos doutra cousa, coma se o demais fose unha pantomima que non concordase coa realidade..
Disociamos.
Temos unha capacidade incrible para conmemorar un día cheo de significado sen mirar e considerar o que temos ao redor: O 8M é tódolos días do ano, de todos os anos, ou acaso non nos gabamos de termos unha sociedade moderna enarbolando a bandeira da igualdade en todas partes?. Un pouco raro todo.
Hoxe entristeceume especialmente unha nova que vin nos medios, falaba dunha xornada organizada por unha asociación en conmemoración do Día internacional do Síndrome de Asperger e entrevistaban a unha moza, universitaria que nun momento comentou que na “universidade ben, pero no colexio e no instituto non tan ben”. Esa é a demoledora realidade de todas as nenas e nenos que están nos colexios e institutos galegos, eses nenos e nenas diferentes que dicimos aceptar e incorporar, como sociedade moderna e evolucionada que finximos ser: Non tan ben.
Que nos falta para ser esa sociedade exemplar en valores sociais?, que podemos facer para desterrar esa miseria humana que todas e todos levamos dentro e evitar que as nosas fillas e fillos a manteñan?, porque mentres non fagamos iso, haberá moitas nenas que “non tan ben”, e algunha pode ser a nosa. Porque na escolla da discriminación non hai desigualdade, pódenos tocar a todas; por iso temos que pelexar por todas, e darlle voz ás que non poden defenderse, porque a nosa función como cidadás e cidadáns é protexer ás persoas que se sintan máis vulnerables e incluílas no noso mundo, por elas e por nós, porque o necesitan e porque as necesitamos, porque todas somos unha máis, porque é a maneira de sermos mellor xente..
Se pensamos en todo isto, paga a pena celebrar o 8M !!
Isabel Calvete Carrera
Presidenta da Confederación ANPAS GALEGAS