Crónica da celebración do X Aniversario ANPAS Galegas
O día 1 de decembro celebramos o X Aniversario da constitución da Confederación ANPAS GALEGAS. Foi un acto de lembranzas e de futuro ao que acudiron representantes das ANPAS, as persoas fundadoras, representantes políticos e tamén representantes dos sindicatos de ensino.
Neste acto falaron a actual presidenta, Isabel Calvete, e os dous anteriores presidentes da confederación, Javier Sánchez e Fernando Lacaci. Falamos do que foi e o do que é hoxe a confederación, de como medrou ate ter agora mesmo 9 federacións asociadas con máis de 400 anpas, o dobre das que tiñamos cando comezamos naquel 2013, e como conseguimos ese crecemento: con moito traballo, moita preocupación polo ensino público e tendo sempre presentes os ideais polos que se formou ANPAS GALEGAS: a defensa dun ensino público, igualitario, inclusivo, laico, galego e de calidade. No que coubesen todas as crianzas galegas porque cun Ensino público como o que defendemos sobran todas as outras opcións existentes.
Fixemos unha reflexión sobre a importancia das anpas como parte fundamental da comunidade educativa, da necesidade de ter esa mirada crítica e de intentar aportar todo o posible para a mellora do ensino público que non deixa de ser unha achega real para o futuro do país.
E percorremos rapidamente o noso propio pasado, o forte traballo realizado contra a LOMCE, a capacidade para tumbar a idea segregadora das reválidas, a reivindicación dun modelo diferente de atención educativa na casa para o alumnado enfermo, a defensa dun modelo lingüístico que poña á nosa lingua no centro do Ensino, a demanda dunhas ratios reducidas e da maior dotación dos centros en persoal que permita unha auténtica atención á diversidade.
E a defensa do rural, dese rural que apreciamos sobre calquera outra característica galega, e co rural falamos de transporte escolar, de comedores, de equipos de orientación permanentes e sólidos, de infraestruturas e modernización…
Foron dez anos de esforzo e cariño polo futuro, porque podemos melloralo entre todas, sabémolo e levamos dez anos facéndoo.
No encontro estiveron tamén connosco Mariló Candedo e Xosé Ramos, membros de Nova Escola Galega que nos falaron de “A comunicación, clave da convivencia na comunidade educativa”, unha charla cunha temática moi acaída ao noso eido.
E seguiremos, porque sempre haberá xente nova a quen haxa que axudar a medrar.
Grazas pola vosa colaboración, coma sempre.