Relixión en bacharelato e as axudas de libros en setembro
Comezamos un novo curso escolar xa en infantil e primaria, e pronto habemos comezalo en secundaria e bacharelato; coma ven sendo cotián nos últimos anos, o principal problema deste comezo de curso é a insuficiente dotación de profesorado, que provoca rateos en moitísimas ocasións por riba do establecido legalmente, que provoca desatención para as necesidades especiais e que impide ese punto de atención suplementaria que faría que moitos dos nosos alumnos e alumnas se incorporasen con normalidade ao ritmo dos seus compañeiros e compañeiras, no canto de ser suxeitos fáciles do fracaso escolar.
Porén, hoxe quixeramos facer fincapé en dúas cuestións que, malia ser moi diferentes, constitúen, por urxentes e localizadas, unha problemática que podería ter unha moi doada solución:
- A desatención na que se atopan as familias que só agora en setembro coñecen que os seus fillos e fillas pasaron ao curso seguinte, á hora de participar nos “bancos de libros” organizados pola administración educativa. Estas familias non presentaron as solicitudes correspondentes a finais do pasado curso ao non coñecer con claridade cal ía ser o nivel no que se atoparían os seus fillos e fillas neste curso que comeza, e agora atópanse en situación de desigualdade fronte a aqueles que si puideron facelo. A apertura puntual de novos prazos de solicitude podería solucionar esta situación dun xeito doado e sinxelo.
Non podemos deixar de dicir que esta problemática non existiría se a Xunta de Galicia, tal e como demandamos toda a comunidade educativa, volvera ao sistema de préstamo universal e gratuíto de libros de texto, e fornecera aos colexios públicos do material escolar, xenérico e específico, que precisaran para o seu alumnado; sen entorpecer a xestión docente con insuficientes e caóticos procedementos de axuda parcial que non garanten nin sequera minimamente o dereito constitucional a un ensino obrigatorio gratuíto.
- O tratamento da materia de relixión no Bacharelato: ao ser a única materia de oferta obrigatoria dentro do grupo das específicas que ten unha duración dunha hora lectiva, atopámonos que en moitos casos constitúe a única opción aritmeticamente posible para acadar as seis ou oito horas que deben sumar o total destas materias. Resulta incoherente que a única materia que implica unha opción ideolóxica na súa escolla non teña por lei a obriga de estar complementada con outra, ou outras, que teñan a mesma carga horaria para favorecer a liberdade do alumnado á hora de crear o seu propio currículo.
- Pronto seguiremos a falar deste comezo de curso e da pretensión das autoridades educativas de consolidar as desfeitas realizadas nos últimos anos, coa falsa escusa da crise económica, no noso Ensino Público Galego.
- Demandamos polo tanto que en todos os centros de Secundaria existan abondas materias específicas con duración dunha hora como para que en ningún caso un alumno se vexa forzado a escoller ningunha opción en concreto.
Que podemos facer cando si solicitamos o fondo en xuño, devolvemos os libros que nos correspondía e agora nos din que o fondo se esgotou? Onde vai o meu dereito? Indefensión en todos os aspectos. Nin a Xunta nin o centro se fan cargo
Segundo as reiteradas declaracións do conselleiro, e das instrucións que lles remitíu aos centros, vaise aplicar o mesmo baremo de mínimos que o que se aplica nos cursos onde se reparten cheques; se estás nese caso, o que ten que facer o centro é encargarse de comprar libros polo mesmo importe polo que te darían o cheque, e entregarchos co compromiso pola túa parte de devolvelos ao rematar o curso.
O feito de que haxa ou non libros no fondo non debería influír para que a xente que teña dereito a eles non os reciba.
Se necesitas algunha aclaración máis concreta, mándanos un correo a anpasgalegas@gmail.com e contestarémosche directamente.
Un saúdo