Mandamos libros de texto ao congreso d@s deputad@s
Unha das liñas de traballo permanentes desta Confederación é a defensa da gratuidade total do Ensino Público Galego, e a meirande visualización de até que punto estamos cada vez máis lonxe desta gratuidade é o despropósito de gasto no que se meteu, e nos meteu ás familias, o actual goberno da Xunta de Galicia e a súa errónea política de xestión das axudas públicas para a adquisición de libros de texto.
Por iso imos facer outra campaña de visualización, desta volta dirixida ao Congreso dos Deputados, porque ao Parlamento Galego xa nos diriximos hai un ano reclamando que os libros de texto continuaran en vigor, para continuar denunciando o que sempre dixemos: gratuidade do ensino público, gratuidade de todos os materiais didácticos necesarios, e reciclaxe permanente dos materiais existentes.
E ímolo facer dun xeito amable, porque cremos que as opinións hai que manifestalas con amabilidade, imos agasallar a cada deputado cun libro de texto, xunto a unha carta que se lle vai enviar, para que palpe nas súas propias mans o valor real que ten aquilo que unha errónea política obriga a rexeitar por inaplicábel. Queremos que valore se ese libro que lle damos podería ser utilizado ou non por outro estudante e, a partir de aí, que traballe en consecuencia.
Antes do actual sistema, en Galicia existía unha fórmula, que sempre defendemos, de gratuidade total dos libros de texto, libros que a Administración Educativa poñía a disposición do alumnado durante o curso escolar, e que logo eran reutilizados durante toda a súa vixencia.
Con este procedemento conseguíanse tres efectos nunha soa actuación: propiciar a gratuidade do ensino que é unha orde da nosa Constitución, favorecer entre o alumnado unha cultura de consumo responsable e de reciclaxe dos bens, así como valorar o uso común dos bens que son de todos, e tamén, que non é pouco importante, facíase un uso racional dos recursos públicos, producindo un aforro que sempre é necesario cando falamos do diñeiro de toda a cidadanía.
O sistema que agora rexe provoca un enorme gasto por parte dos presupostos públicos, que se desangran en axudas adicadas á compra dun material que, se ben sería duradeiro no caso de ser propiedade do grupo porque iría cambiando de usuario, convértese en absolutamente efémero cando o propietario é o individuo que só o vai utilizar durante un curso escolar; instaura a cultura do gasto innecesario entre a xuventude e asfixia ás familias sobrecargándoas de custos que non precisan e que non teñen utilidade real fóra do seu uso puntual no curso académico no que lles tocou pagalo e utilizalo.
Pero aínda iso non é o peor, nestes últimos anos, e malia permanente chamada de atención que fixemos dende a Confederación ANPAS GALEGAS, a consellería de Educación da Xunta de Galicia vén de autorizar un cambio absoluto de libros de texto, abeirado pola posta en marcha dos novos curricula que son consecuencia da entrada en vigor da LOMCE, unha lei que cómpre lembrar que ten unha amplísima contestación social e unha permanente ameaza de derrogación.
Como consecuencia disto, son centos de miles os libros de texto que fican tirados e inútiles nunha morea de almacéns, de depósitos, de casas familiares; son ducias de millóns as páxinas impresas ás que non se lles quixo dar utilidade, simplemente para provocar un movemento de mercado coa compra de novos libros e novas impresións.
Non é que os libros non teñan valor, non é que conteñan conceptos equivocados ou superados, non é que o seu estado de uso aconselle o seu cambio. Sinxelamente, é necesario desautorizalos para que se poidan vender uns novos, para que as familias deste pais teñan que afrontar un gasto que non serve a ninguén máis que a aqueles que fan negocio da necesidade das xentes, e aos que protexen ese comercio.
Nesta Confederación pensamos que é necesario denunciar constantemente o que está a pasar, que non é ben deixar no esquecemento os erros que se cometen, porque así repetiranse dun xeito estéril; por iso imos facer esa outra campaña de visualización, desta volta dirixida ao Congreso dos Deputados.